Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

O movemento agrarista

Na década de 1920 a principal alternativa de renovación política local chegou da man do sindicalismo de carácter agrario. A rede política da Restauración substitúese por unha nova xeración que aposta por manter un maior contacto co sentir real da comunidade ortegana. O mellor xeito de encamiñarse nesta dirección pasaba polo achegamento á terra.

O movemento agrarista constituíu unha revolución indubidable na sociedade galega do momento. Todo o que as organizacións políticas criticaban do sistema, como o afastamento da sociedade ou as elites caciquís de poder, era agora rexeitado. As asociacións agrarias estreitaban lazos entre a comunidade civil e política institucional.

Doutra banda, a pertenza a estas asociacións converteuse nunha necesidade para todos aqueles que querían avanzar no seu desenvolvemento económico.

Ademais, o asociacionismo agrario converteuse nun movemento que superaba o plano económico ou de investigación. A actividade tomou corpo nun intre no que as necesidades da sociedade galega eran cubertas a través dun marco de asociacións. Este definía os trazos específicos de Galicia fronte ao resto do Estado.

Son numerosas as propostas de formulación no que respecta aos fins das diferentes asociacións agrarias. Algunhas teñen uns obxectivos claramente reivindicativos, como as de Pontevedra. Outras, como no caso de Ortigueira, darán os seus primeiros pasos coa intención de buscar innovacións tecnolóxicas e información para o desenvolvemento técnico.

Estas últimas acadaron un alto grao de involucración no plano político. Así, a comarca de Ortegal foi unha das que estableceron unha relación máis estreita entre o agrarismo e o poder local. É a alternativa á "vella política" da Restauración.

Segundo o estudoso Rosende, o movemento agrarista ortegano divídese cronoloxicamente en tres etapas:

1893 a 1918/19
Son sociedades marcadamente apolíticas, que funcionan unicamente como axuda mutua entre campesiños en caso de necesidade. A este período responde a publicación do Boletín Municipal a cargo do alcalde, Federico Maciñeira.

1919 a 1926
A partir do proceso revolucionario en Rusia a xerarquía católica entende que debe tomar medidas para acadar a súa integración na sociedade. A esta actitude débese a creación e extensión de sindicatos agrarios de carácter católico, que nestes anos pasan por unha etapa de forte expansión en Ortigueira, dirixidos polo avogado Eugenio Vázquez Gundín. Neste período crearíanse 15 asociacións confesionais na comarca.

1926 a 1936
Estes son os anos de apoxeo da Federación Agraria de Ortigueira, liderada por Pita Romero co apoio dalgúns dos sectores máis influíntes da comarca. Esta era a organización máis importante de Ortegal e integraba 33 sindicatos e máis de 1.800 socios.

Estas asociacións limitáronse a defender uns intereses económicos de xeito comunitario. A dictadura de Primo de Rivera deparou a situación perfecta para que todo aquel que postulase alternativas renovadoras fose considerado como oposición ao sistema.

No seu momento de máximo esplendor a Federación Agraria controlaba os concellos da comarca, incluído o de Ortigueira. O seu líder estaba en Madrid durante certo tempo como ministro, contaba cun total de 45 sociedades adheridas e preto de 3.500 asociados.

A isto hai que engadirlle o control do medio de comunicación máis importante da comarca: La Voz de Ortigueira, dirixida por Jesús Fojo. Intentaban combinarse dúas intencións: dunha banda, a proxección política de Pita Romero como líder natural da comarca. Da outra, a consolidación dunha organización capaz de defender os intereses dos labregos.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA