Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A Guerra da Independencia

Durante a Guerra da Independencia a sociedade ortegana sufriu as sacudidas da conxuntura política do Estado. A invasión do territorio español por parte das tropas francesas provocou que se organizara na Vila certa resistencia contra o exército de Napoleón.

Nos primeiros días de 1809 a cidade da Coruña é tomada polos franceses. A Xunta de Goberno que se formou en Ferrol acordou a constitución de puntos de recolección –un deles foi Ortigueira-. Ademais programou o desarme de 238 canóns que protexían a costa ferrolá ata Estaca de Bares, colocados para defender o arsenal ferrolá polo mar. Neste intre, inútiles para a defensa por terra, os portos de Cedeira, Cariño, O Barqueiro e Bares decidiron soterralos para que non puideran ser utilizados polo inimigo. Con todo, poucos días despois caería tamén Ferrol.

A comezos de febreiro, Santa Marta viuse sorprendida pola chegada dun destacamento militar francés. Ao mando do Tenente Coronel Treni, chegou ata o centro sen atopar oposición ningunha.

O Concello viuse entón na obriga de aloxar a estes homes. Os oficiais pernoctaron no edificio consistorial, mentres que a tropa foi distribuída a razón de dez soldados por casa. Como o espazo dispoñible non era suficiente, o resto do destacamento goreceuse nos claustros do convento. Ao día seguinte, as tropas francesas abandonaron a Vila rumbo a Viveiro.

Poucos días despois o xuíz de Santa Marta recibe unha carta do correxedor de Viveiro na que se lle solicitaba que o condado ortegano se defendese. Un día máis tarde, tras ordear que se achegasen á Vila todos os veciños e se reunisen as forzas vivas da comarca no convento, acordouse a suspensión da contribución ao campamento francés de Neda e a defensa das súas propiedades.

O 17 de febreiro os franceses que estaban nas montañas de Couzadoiro tiveron que retirarse cara a Ponte Segade pola oposición dos veciños desta parroquia xunto cos de Mañón. Ao mencer do día seguinte a comunidade de Ortegal púxose á defensiva para botar o exército francés de Ponte Segade. Cando chegaron, os franceses xa marcharan.

A achega do Condado á Guerra da Independencia non rematou coa expulsión das tropas francesas. Dende 1810 a 1813 Ortigueira contribúe ao depósito herculino con gran, carne ou roupa, ademais de donativos en metálico e metais preciosos.

Durante a Guerra da Independencia non se rexistraron grandes conflitos ou batallas no Ortegal. Con todo, os acontecementos vividos permitiron que se amosara o sentimento de colectividade das xentes da comarca, que posuían abondosos referentes de convivencia común.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA