Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Prensa ortegana

Nos anos da Restauración comeza a florecer de xeito intenso a prensa ortegana. A percepción das difíciles condicións de comunicación, xunto coa existencia dunha elite interesada no desenvolvemento cultural da comarca, propiciaron a creación de numerosos xornais.

En 1888 o bentanceiro Ángel Amenedo Ponte instala a primeira imprenta na rúa Real de Santa Marta. Un ano máis tarde publicaríase o primeiro xornal do Concello, O Faro de Ortegal, aos intereses de José Maciñeira González.

Tamén en 1889 nacía O Ortegal, unha publicación que defendía o ideario do Partido Liberal dirixida polo que despois sería alcalde da Vila, Federico Maciñeira e Pardo de Lama. En xuño de 1892 David Fojo Díaz, xunto con dous socios máis, adquire a imprenta de Amenedo. En 1894 convírtese no seu único propietario. O 12 de agosto sairía á rúa baixo a súa dirección o semanario El Condado de Ortigueira, cunha regularidade de catro anos.

Nesta mesma imprenta, a finais de 1898, iniciouse a edición da Revista Ortegana, de periodicidade semanal. A publicación, dirixida por Leandro Pita Sánchez-Boado, tiña certa marca de deseño.

Todos estes xornais considerábanse independentes, alomenos no que respecta á súa cabeceira. Como nexo de unión, todos coincidían en dúas prioridades: a defensa da vila de Santa Marta como núcleo vitalizador da comarca e dos intereses do Partido Liberal, que detentaba o poder local.

É especialmente a partires de 1900 cando se observa a presencia dunha elite con importantes inquedanzas culturais. A este selecto grupo pertencían Leandro Pita ou Pedro Castiñeiras Villarnovo, que xunto con David Fojo lle deron o pulo decisivo aos medios de comunicación.

En 1905 o mestre da Escola Pública José María Lage lanza coa axuda dos seus alumnos o xornal El Gallego, que pasaría a chamarse El Escolar un mes máis tarde. Dous anos despois desaparecería, trala publicación de 23 números. Esta experiencia educativa continuou con El Faro de Veiga, que tería unha maior duración -entre o 1 de novembro de 1907 e o 15 de febreiro de 1913-.

En 1916 Jesús Fojo funda La Voz de Ortigueira, coñecida popularmente co nome da verza por estar impresa en papel de cor verde. Este xornal supuxo a aparición dun medio de comunicación reivindicativo e con certa capacidade de crítica contra a "vella política".



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA