Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Imaxe urbana de Santa Marta

No século XIX o núcleo de poboación da Vila situábase no que por aquel entón se chamaba Barrio das Cortes, hoxe Cantón. En 1850 o alcalde de Santa Marta, Manuel Teijeiro, emitía un bando no que se estipulaban certas normas urbanísticas, como a aliñación das casas ou o branqueo das fachadas. O paso dos anos e o progreso motivaron a ampliación destas indicacións, que pasaron a contemplar a limpeza. Así fíxose obrigatorio que os veciños varreran e limparan a rúa todos os sábados e prohibiuse cubrir os inmobles con toxos.

Foi nestas datas cando se conformou a imaxe urbanística de Ortigueira. A rúa Real foi arranxada no ano 1849, e en 1867 colocáronse as beirarrúas. Posteriormente a pavimentación chegou ata a Igrexa do Convento e construíuse unha escalinata de acceso. Formouse a praza de Isabel II. En 1845 concluíu o recheo dunha pequena enseada que anos despois daría lugar a un paseo e á alameda.

En 1861 instalouse a iluminación pública, con subministro de petróleo, nas curvas das principais rúas. A luz eléctrica non chegaría a Santa Marta ata o ano 1912.

O aumento de poboación fixo preciso dotar a Vila de determinadas infraestruturas. Por este motivo aprobouse no ano 1879 a construción dun hospital e dun novo cemiterio no barrio do Ponto, este último financiado en grande medida coas doazóns dos indianos. Procedeuse asemade á instalación de varias fontes.

No que respecta ás actividades culturais da Vila, en 1849 creouse a primeira asociación de recreo. Posteriormente fundaríanse a Sociedade Recreativa –1851-, o Liceo Recreativo –1872-, o Circo de Artesáns –1878- ou o Casino Ortegano –1902-.

A mediados do século XIX un grupo de veciños solicitoulle ao Concello que adecentara unha parte do antigo convento –aquela que lles servira aos frades para almacenar viño e leña- para adicala a actividades culturais. Froito desta demanda, e gracias ás achegas económicas dos habitantes da Vila, inaugurábase en 1850 o Teatro da Beneficencia. Este inmoble sufriría posteriormente diversas reformas, relacionadas coa construción de dous andares de palcos, a decoración, a pintura ou a iluminación.

Pode interesarche

Visitas de interese: o Teatro da Beneficencia.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA