Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Melloras na Vila

Entre os anos 1949 e 1958, con Luciano Blanco Suárez como alcalde, realizáronse numerosas obras e melloráronse as infraestruturas da Vila. Asfaltouse a estrada xeral entre Ferrol e Viveiro, ao seu paso polo Concello, así como varios camiños veciñais. Saíron a poxa as obras do porto de Cariño, acometeuse a ampliación do de Ortigueira e a creación do de Espasante.

Neste período construiuse o grupo escolar da Pedra e edificáronse un total de 148 vivendas acollidas á Obra Sindical do Fogar, repartidas entre Ortigueira, Cariño e Espasante. Por último, esta produtiva etapa supuxo importantes avances nos proxectos da traída de augas a Ortigueira e Cariño.

Na actualidade, a poboación de Ortigueira continúa moi espallada. A nosa segue a ser unha comarca de carácter fundamentalmente agropecuario, na que predominan o millo e as patacas. Así, o trigo foi desprazado como o principal cereal cultivado na zona.

Case a metade da superficie do municipio está dedicada á explotación forestal –basicamente eucalipto-. Máis do 40% da poboación vive dos produtos agropecuarios, o 8% da pesca, o 12% da industria –principalmente da transformación da lousa- e un 30% dos servizos.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA