Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A vida en Ortigueira

Nos primeiros anos da década dos corenta Ortigueira tiña pouco máis de 20.000 habitantes. Con todo, aínda non dispoñía de auga corrente a domicilio nas casas. Toda a Vila tiña rede de sumidoiros e pavimentado, con formigón ou empedrado. No Concello só existían 29 persoas con teléfono particular e sete coches –todos taxis-. Dez policías municipais vixilaban as rúas de día, reducíndose o grupo ata os catro axentes polas noites.

O Concello contaba xa con dúas sucursais bancarias e cunha caixa de aforros. Había un total de 70 tabernas e 200 comercios, e 815 persoas definidas como "parados de carácter estacional". Segundo un informe da época, entre a poboación non se consideraba que a guerra civil lle afectase en nada aos bens dos habitantes do Concello. Estes pensaban ademais que a necesidade máis importante era o abastecemento de auga potable ás casas e a construción dunha lonxa no porto de Cariño.

No que respecta á gandería destacaba a cría de aves, especialmente de polos e galiñas. Tamén se contabilizaban máis de 4.000 cochos e preto de 3.500 vacas. A produción agrícola maioritaria era a pataca, mentres que no apartado dos cereais abundaban o millo e o trigo. Destacaba asemade a produción froiteira.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA