Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

As primeiras industrias

No século XVI Ortigueira e as súas terras estaban organizadas atendendo a un sistema que proviña da Idade Media. Este pretendía transformarse na dirección das correntes anovadoras do novo século. A economía baseábase nas mercadorías que ofrecían a terra e o mar. Así, nas hortas e veigas cultivábanse valiosos productos como viñedos, centeo, trigo, millo miúdo e avea. Coas castañas alimentábase a poboación boa parte do ano, mentres que as noces, as laranxas, os limóns ou a sidra eran adquiridas polos comerciantes dos portos norteños.

A gandería baseábase fundamentalmente no vacún, ovino, caprino e cabalar. No mar pescábanse congros, sardiñas e pescadas. Algunhas destas especies eran salgadas e vendidas, para despois de prensadas sacarlles o aceite.

O sal chegaba ata os almacéns e despois distribuíase aos lugares de uso. Tamén a madeira constituía unha importante fonte de riquezas. Saía a través dos portos de Pereiro Albar en San Claudio, Riomaior en Senra e Ortigueira. As parroquias máis ricas nestes bens eran as de Insua e Ermo, seguidas polas demais en función dos seus recursos. Así comezan a construírse novos edificios na vila, que contaba cuns escasos cen habitantes a comezos do século XVI.

No século XVII a industria salmoeira e a da conserva toman pulo coa chegada dos cataláns á parroquia de Santa María da Pedra e ao porto de Cariño. Comezaban a levantarse os primeiros almacéns de madeira, chamados fabriquíns, que acolleron a gran cantidade de traballadores. Na vila de Santa Marta centrábase toda a administración, o que supuxo un incremento da súa poboación.

O comercio tiña agora unha nova saída. Xa non era preciso vender o peixe fresco, senón que era posible elaborar o produto cando as inclemencias do tempo impedían a saída das traíñas e os botes.

O desenvolvemento económico do Concello non sufriu grandes altibaixos. Santa Marta artellouse como o núcleo que ofertaba servicios ás poboacións rurais de Ortegal. Diversos estudos confirman que a Vila viviu o seu período de maior decadencia no primeiro tercio do XIX, antes de converterse en concello. Xa nos últimos anos do século, os recursos achegados polos emigrantes constituíron un elemento determinante para o fortalecemento da súa economía.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA