Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

As fábricas

No XIX existía en Couzadoiro un taller de elementos pirotécnicos. A finais do século destacou en Ortigueira a fábrica de chocolate La Argentina, que funcionaba a vapor. Mentres, as parroquias máis relevantes especializábanse nalgunha produción. Era o caso de Mera, onde se construían carros e tartanas, Senra, ocupada na realización de ladrillos e tellas, ou San Claudio, onde elaboraban cerámicas de uso común. Con todo, a industria por excelencia da zona estaba relacionada cos productos do mar.

A finais do século XIX o Concello destacaba polas súas condicións de elaboración e prezo do peixe. A actividade centrábase sobre todo no porto de Cariño, que contaba daquela con 15 grandes fábricas de salga e 20 de carácter máis reducido. Seguíao en importancia a conserveira de Espasante.

Calcúlase que dende estes dous portos se exportaba un total de 100 millóns de sardiñas. As actividades que neles se desenvolvían empregaban a uns mil mariñeiros e 400 mulleres, adicándose estas últimas ao lavado e envasado do peixe.

Outros traballos complementarios, como a construción de toneis para o envasado aproveitando o piñeiro da zona, empregaban a numerosos traballadores.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA