Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A chegada do ferrocarril

A escaseza de infraestructuras en materia de comunicación xogou un papel importante no desenvolvemento económico do concello. Este feito imposibilitou un rápido acceso aos mercados. Nestes anos comezou a demandarse a construción dunha liña férrea que unira toda a costa cantábrica. Con todo, as primeiras xestións non se producirían ata a década dos 60 do século XIX.

As accións nese sentido iniciáronse a raíz dunha lei do 27 de xullo de 1883, na que se indicaba que o Goberno, por medio dos seus enxeñeiros, mandaría realizar coa maior brevidade os estudos do ferrocarril. Este partiría de Ferrol, pasando por Santa Marta, Viveiro e Ribadeo ata rematar en Xixón.

Tres anos máis tarde publicouse en Ferrol un estudo no que se indicaba que a liña debería ser de vía estreita. O seu custo ascendería a 100.000 pesetas –600 euros- por quilómetro construído. Uns anos despois varios concellos intentaron emprender o proxecto, malia que finalmente foi desestimado ao carecer de axudas institucionais.

En agosto de 1902 chegaron a Ortigueira os enxeñeiros que realizaron o estudo da vía, aínda que as obras non comezarían ata 1920. En 1921 constrúese o viaduto de once arcos de Santiago de Mera. O primeiro tren non o cruzaría ata os anos sesenta do século XX, cen anos despois de que botara a andar o proxecto. No momento da súa inauguración esta liña, de vía estreita, estaba xa absolutamente desfasada con respecto aos avances da época.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA