Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Outras infraestruturas

Comunicacións marítimas
Para o tránsito de persoas e gando dunha parte a outra da Ría estableceuse un servizo de transporte en barco en Fornelos, Sismundi e Ladrido. Tamén existía unha combinación marítima á semana entre Ortigueira, Cariño e Espasante coa Coruña.

Tránsito terrestre
As primeiras estradas da zona comezaron a construírse a partires da década dos 60 do século XIX. Nesa época uniuse Liñares coa capital do Condado. Posteriormente a vía chegaría ata O Barqueiro e construiríanse as estradas de Porto da Madeira á Feira de San Claudio ou a de Ponte ao Porto de Espasante.

Deste xeito establecíase unha rede de comunicación por terra que aunaba os intereses económicos coa mobilidade da poboación. Ao entraren estas estradas en servizo creáronse diversas empresas adicadas ao transporte de viaxeiros.

En 1866 –cando se inaugurou a estrada de Ferrol a Ortigueira- os ferroláns Gil e Caneiro puxeron en funcionamento un servicio non regular de coches. O primeiro transporte de carácter regular da comarca chegaría da man da sociedade El Oriente –1878-. Esta foi fundada polos ortegáns Vicente Maciñeira, Enrique Caula e Vicente Donato Villarnovo, xunto co ferrolán Juan A. Dans.

Establecíase deste xeito unha liña diaria de ida e volta Ferrol-Ortigueira cunha duración aproximada de 8 horas en cada traxecto. En 1890 El Oriente ampliou o itinerario ata Viveiro. A principios do século XX as carruaxes substituíronse por automóbiles. Así, a duración da viaxe entre Ferrol e Ortigueira reduciuse a catro horas.

Telégrafo e teléfono
O telégrafo chegou a Santa Marta en 1877. Corenta e tres anos máis tarde, en 1920, instalaríase o primeiro teléfono da Vila.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA