Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

As primeiras escolas

En 1772, durante o reinado de Carlos III, chegou á Vila un correo de a pé cunha Real Orde mediante a que o monarca ordeaba a construción dunha escola. A falla de medios provocou que os traballos non comezaran ata o ano 1784. Este primeiro colexio situouse preto da vella igrexa parroquial, subindo ao barrio do Ponto.

Crearíanse despois novas escolas, como a da parroquia de Santo Adrián –en 1790-, custeada polo cura Juan Antonio Pita. Por estas datas xurden tamén as de Cariño, Mañón ou as Grañas do Sor. Paseniñamente implantaríanse en todas as parroquias, ata ser substituídas polas que construíron, xa no século XX, os emigrantes galegos en Cuba.

Nestas escolas de pobres aprendíanse as primeiras letras, a doutrina e as catro regras. Quen quixera ampliar coñecementos tiña que facelo pola súa conta ou desprazarse a outras vilas máis grandes.

Característicta de mediados do século XIX foi a preocupación pola educación dos emigrantes retornados. Eles foron en boa medida os encargados de estender a rede escolar polo país, nunha época no que o sistema educativo galego era especialmente deficitario. Deste mecenado beneficiáronse tanto as administracións locais como as estatais.

Pode interesarche

Visitas de interese: Grupo escolar de Santa Marta.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA