Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Ensino obrigatorio

No ano 1857 o goberno do Estado declarou obrigatoria e gratuíta a instrución de carácter primario.

Xa en 1865 había 28 escolas na totalidade do Partido Xudicial de Ortigueira, atendidas por outros tantos mestres. Só tres delas contaban cun edificio de seu. A principios do século XX existían no Concello de Ortigueira 21 escolas, que dispoñían dun orzamento total anual de 16.050 pesetas –96 euros-.

Ante a desidia das institucións administrativas pertinentes, a sociedade civil ortegana tomou cartas no asunto. Neste senso, os veciños da parroquia de Loiba abriron en 1917 unha subscrición da que naceu a Sociedad Pro-Infancia. Un ano despois creábase na Habana a Sociedade de Instrución de Hijos de San Julián de Loiba.

Ortigueira é, despois de Vilalba e A Estrada, o concello galego con maior número de centros de ensino de fundación americana. Dispoñía de dez destas escolas, produto da súa extensión xeográfica e da importante porcentaxe de poboación emigrada.

As Sociedades de Instrución convertéronse no maior referente cara ao ensino laico. En novembro de 1905 constitúese na cidade de Santa Clara a Sociedade de Instrución de San Adrián. Dende entón seguiríana preto de doce entidades máis co mesmo fin. O seu cometido era dobre: artellarse como vencello de comunicación entre os ortegáns en Cuba e apoiar o desenvolvemento educativo das súas xentes.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA