Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Baixa Idade Media

Alfonso IX e o seu fillo Fernando III decidiron fortalecer os seus reinos aplicando unha política proteccionista. Sucedeu no período que abranguiron os seus reinados, entre os anos 1188 e 1252 e continuou da man do fillo de Fernando: Alfonso X O Sabio.

No ano 1235 o territorio de Ortigueira estaba incluído no Condado de Trastámara. Por esa época aparece citada Santa Marta de Ortigueira como vila. A súa fundación con este título contou co apoio do conde don Rodrigo Gómez, que administraba estas terras en nome do rei, como terras de realengo.

Terían que pasar vinte anos para que en 1255 o rei Sabio lle outorgase a carta do Fuero de Benavente. Deste xeito pretendía asegurar a protección da nova vila, dándolle o dereito de contar con porto e murallas, entroutras melloras económicas. En troques, os homes bos e cabaleiros terían que acudir na defensa das terras do rei sempre que este o solicitase.

As mercedes que se lle outorgaron a Ortigueira eran as típicas naquela época: o porto, os almacéns de sal, o selo, o sinal ou distintivo da vila e os seus límites –dende o Coydo de Vares ata os confíns das Capeladas e o mar-.

Dende a época castrexa era habitual a reunión dos naturais da comarca arredor dalgún recinto. Nestas asembleas coas xerarquías locais intercambiaban produtos, ideas e actos, típicos da cultura dese momento. A tradición aínda persiste na terra de Ortigueira, en lugares situados ao pé dun castro nunha encrucillada de camiños –como é o caso de San Claudio- a uns centos de metros do recinto castrexo.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA