Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Comercio marítimo co estranxeiro

En 1268 o rei Alfonso X outorgoulle a varias vilas –entre elas Ortigueira- outro privilexio. Este consistía en permitir o comercio co estranxeiro, potenciando así os seus recursos, xa que as mercadorías que entraban ou saían polo peirao estaban gravadas con impostos reais. Este privilexio mantívose ata a época dos Reis Católicos, en 1480. Queda patente así a importancia que tivo o porto de Ortigueira, visitado por navíos de países estranxeiros que potenciaron un enriquecemento cultural e económico.

Ademais do porto, gozaba da descarga e dos almacéns de sal. Os barcos, de pouco arqueo e calado, aproveitaban a subida das mareas para soltar amarras e emprender a singradura ata os portos de destino.

Ortigueira comerciaba cos portos de La Rochelle e Dieppe, en Francia, e os de Porto, Lisboa e Lagos, en Portugal. Das nosas terras saían principalmente produtos como o peixe, cítricos, fabas, viño e madeira. Pola contra, recibíamos do estranxeiro mercadorías como o sal, teas e diversos artigos de vidro, prata ou estaño.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA