Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

O proceso de cristianización

Xa a mediados do século VI, o coñecido como San Martiño de Braga emprende dende Portugal o que será a evanxelización católica e posterior conversión dos suevos, visigodos e nobreza galaica.

Entre os séculos VIII e IX emprendeuse un labor de repoboación, atribuído aos monarcas astures a partir de Alfonso II O Casto. Estes, secundados por numerosos nobres –laicos ou eclesiásticos- emprenderon a tarefa de fundar igrexas e poboar os seus dominios. Trátase das terras que figuran na documentación da época como ermas, a carón dalgunha vila rural.

Na vila de Ortigueira quedou un topónimo, O Ermo, na lembranza desta época. Ao nome engadiuselle un patrón, San Xiao, e a terra pasou a estar santificada por ser unha parroquia do medio rural. O mesmo aconteceu coas demais aldeas, casais e vilas que as forman e o santo ou santos que lle daba protección cristiá.

Os estudosos desta época chegaron á conclusión de que os antepasados de Gutier Menéndez e Ilduara Romariguiz –pais de San Rosendo e de Rodrigo Froilaz, así como de outros fillos- foron os propietarios das terras de Ortigueira.

Tanto Ilduara como Gutier –que viviron e morreron no século X- recibiron en herdanza, entre outras, a terra de Ortigueira. Estas fóronlles transmitidas aos seus descendentes na cabeza do seu fillo Froila, tronco da casa de Traba e doutras moitas. Ortigueira estaba incluída no condado de Montenegro, que foi transmitido polos seus donos de xeración en xeración.

Semella que o significado do topónimo Ortigueira –con respecto á súa orixe latina- identifica un lugar abundante en ortigas. Este nome aparece por primeira vez a comezos do século X, na documentación medieval. Os escritos mencionan un territorio amplo na división eclesiástica de Arros.

Nesta época comezou o esplendor dos descendentes dos condes Gutier e Ilduara. Levaban apelidos como Menéndez, Suárez ou Froilaz e representaban o novo e ambicioso poder da casa de Traba nas terras de Ortigueira.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA