Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A fortaleza de Santa Marta

A finais do século XV a fortaleza de Santa Marta –ata entón propiedade da nobreza- pasa a mans da vila e condado. Esta fortificación pasou por varias etapas. Así, no século XVI foi empregada como residencia do gobernador e como cárcere. O licenciado Molina fai referencia a ela como unha das máis famosas de Galicia. Na relación que tiña no século XVIII sobre as defensas do condado de Santa Marta menciona que esta tiña capacidade para acoller 800 homes de armas.

A fortificación estaba circundada por una muralla de moito espesor con troneiras para colocar as ballestas. Na cara NO estaban a porta principal e a torre, que lle deu nome ao lugar. Posteriormente construiuse neste emprazamento un muíño de vento, dominando a entrada da Vila e cubrindo toda a Ría coa vista.

O Campo da Torre é o nome co que se coñece actualmente este lugar. Está elevado uns 16 metros sobre o nivel inferior do foxo, que ten un diámetro aproximado de 100 metros.

Hoxe en día consérvase outra muralla exterior, seguramente a castrexa. No século XVIII baixáronse parte das pedras de cantería e dos esquinais para edificar un novo convento. Outras partes da fortaleza foron parar ao edificio do cárcere e á tafona, ocupándose os veciños do resto.

Tras este espolio non quedou nada máis que os restos das ameas, que foron vistos por derradeira vez no século XIX. Posiblemente, empregáronse na construción do muíño de vento que se ergueu en 1888, custeado polos novos donos do lugar.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA