Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

División administrativa

Mapa de parroquias de Ortigueira

Mapa de parroquias de Ortigueira

En agosto de 1801 a vila de Ortigueira recibe do monarca Borbón Carlos IV o privilexio para poder usar o título de moi nobre. Nesta época –ano 1804- o Condado de Santa Marta pertencía a unha das antigas sete provincias galegas, a de Betanzos. Así o fai constar José Lucas Labrada na súa Descripción Económica del Reino de Galicia. Segundo este texto o Condado –señorío dos Marqueses de Astorga- estendíase sobre os terreos dos actuais municipios de Ortigueira, Cariño e Mañón.

Trala reorganización administrativa acometida por Mendizábal en 1836 o señorío quedou inicialmente dividido nos cinco concellos que seguen:

-Santo Adrián de Veiga: comprendía a súa parroquia xunto ás de Mera, Feás, Landoi, Sismundi, A Pedra e Cariño.
-Freires: comprendía Devesos, As Neves, Insua e O Ermo.
-Couzadoiro: comprendía Couzadoiro, Ladrido, Espasante, Céltigos e Loiba.
-Ortigueira -Mañón
En 1849 fusionáronse os catro primeiros para formar un único municipio, o de Ortigueira. Mañón, mantendo a súa delimitación territorial, seguiría conformando un concello independente.

Nestas datas o Concello de Ortigueira quedaba xa constituído como un dos máis extensos de Galicia, característica que mantén na actualidade. Malia térense producido diversas tentativas de segregación de territorios estas só chegaron a materializarse nun caso. No ano 1988 Cariño -agrupando as parroquias de Cariño, A Pedra, Sismundi, Landoi e Feás- constituiu un novo concello independente de Ortigueira.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA