Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A cultura castrexa

A paulatina evolución dende o Bronce Final aos inicios da Idade do Ferro prodúcese arredor do século IX a.C. Uns maiores influxos do Mediterráneo -a causa da intensificación das relacións comerciais- e as anovacións de carácter agrario provocan a explotación máis racional das terras. Deste xeito chégase a unha meirande rendibilidade productiva e ao mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Estas circunstancias provocan o paso do modelo itinerante de explotación ao sedentarismo. Comeza neste punto a construción dos poboados estables que darán paso á cultura dos castros no noroeste peninsular.

A primeira fase da etapa castrexa abrangue un amplo período entre finais do primeiro milenio e o século V a.C. Na área galaica desenvólvese un proceso de sedentarismo e constrúense os primeiros asentamentos castrexos. Con eles coexisten os poboados abertos, aínda que cunha marcada evolución cara ao modelo de arquitectura habitacional con tendencia á liña curva.

Os castros érguense, con fins defensivos, nas abas das montañas, outeiros e penínsulas, próximos ás terras productivas. En Ortigueira coñécense dous xacementos adscritos a esta fase de iniciación da cultura castrexa: o Castro de Concepenido e o Castro da Punta do Tallo.

O Castro de Concepenido é o xacemento castrexo máis antigo de Ortigueira. Sitúase no cumio do monte Concepenido, na serra da Capelada, pero próximo ás terras de cultivo. Para reforzar as boas defensas naturais coas que xa contaba, os seus constructores engadíronlle un sistema de dobre muralla arredor da súa superficie habitacional.

O Castro de Punta do Tallo, datado na Idade do Ferro, atópase na parroquia de Santa Eulalia de Ladrido. A zona na que se asenta, coñecida co topónimo dos Castros, é un emprazamento costeiro elevado 40 metros sobre o nivel do mar. O recinto posúe grandes dimensións e ocupa unha península fronte ao porto de Espasante. As súas defensas naturais vense reforzadas por un foxo profundo cara o surleste e e unha muralla en ángulo con reforzos na porta de entrada.

Durante a fase de iniciación da cultura castrexa os primeiros poboadores de Ortigueira coñecían as vantaxes que ofrecía construír preto do litoral. Ergueron os seus castros en penínsulas protexidas que lles permitían á vez dispor de terras productivas e desenvolver actividades económicas ligadas ao mar, como a pesca, o marisqueo e a navegación local.

Entre finais do século VI a.C. e mediados do II a.C. exténdese este modelo de ocupación. Formalízanse tanto a tipoloxía constructiva dos asentamentos como outros trazos concretos relacionados coa cerámica e a súa decoración –fundamentalmente o estampado-. Os poboadores inician unha tendencia a situarse próximos aos vales. Potencian xa a actividade agrícola sen abandonar as súas situacións estratéxicas.

Pode interesarche

Visitas de interese: Centro Arqueolóxico Federico Maciñeira.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA