Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A Idade Antiga

Entre os séculos II a.C. e I d.C. prodúcese un troco significativo nas comunidades castrexas, provocado polo contacto co mundo romano.

Comezan a aparecer asentamentos de maior tamaño, cun trazado urbanístico perfeccionado e unhas espectaculares defensas. Estamos xa perante unha sociedade evolucionada, cunha nova estructuración económica e un maior desenvolvemento da agricultura e o comercio.

Destaca especialmente o perfeccionamento técnico da cerámica castrexa tanto no aspecto formal coma no decorativo. Abondan neste periodo obxectos como fíbulas, alfinetes de bronce, ornamentos e armas como os puñais de antenas. Cómpre salientar asemade a ourivería castrexa -diademas, torques, arracadas...-, as decoracións xeométricas das construcións -linteis e xambas- e a escultura -cabezas humanas e estatuas de guerreiros con escudos-.

Entre finais do século I e ata o II d.C. a cultura dos castros do noroeste peninsular desaparece paulatinamente, dando paso ao mundo galaico-romano. Os poboados son abandonados e xorden as denominadas villae, asentamentos que presentan un novo sistema de explotación do territorio.

O proceso é lento pero irreversible. Os navegantes fenicios procuraron materias primas -especialmente estaño- nas rotas atlánticas e iniciaron viaxes de explotación a partir do século VI a.C.

O desenvolvemento comercial, o novo tipo de xacementos e o modelo económico aféctanlle a toda a área galaica. Na zona de Ortigueira quedaron pegadas desta época, como os Silos de Salmoeira de Espasante, as ánforas atopadas na Ría ou a figura dun ídolo orientalizante procedente do río Dola -Espasante-.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA