Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

O camiño de Santiago

No século XII existen referencias escritas da visita de viaxeiros que chegaban a estas terras procedentes do norte. Estes tiñan como fin visitar a Terra Santa ou percorrer o Camiño de Santiago pola costa. Durante o século XIV a moitos condenados dábaselles a elixir o tipo de castigo, figurando entre eles o da peregrinación forzosa.

A maioría destes presos procedían dos Países Baixos. Na descrición do camiño que debían percorrer ata Santiago figuraban San Salvador de Oviedo e Santa Marta de Ortigueira. É dicir, a rota do camiño pola costa norte.

Sábese que Santa Marta xa estaba fundada por estas datas. O convento de Santo Domingo constituía unha referencia para os condenados, xa que nel lles era prestada a axuda física e espiritual que precisaban.

O camiño sobre o que se desprazaban era o Real, que atravesaba a ponte de Noval ou de Peao en dirección a Teixido ou San Xiao do Trevo. Ao chegaren a Santa Marta podían continuar a pé ou utilizar as embarcacións de pasaxe de Fornelos e Sismundi. Dependendo da rota elixida proseguían a viaxe atravesando a ponte do Porto de Santa María –sobre o río Sor- ou, se viñan polo porto de Bares, collendo o camiño francés que viña dende este porto ata Mogor.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA