Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Hospitais de peregrinos

Ao longo de todo o camiño existían varios hospitais onde lles daban repouso e acomodamento aos viaxeiros. Estaban situados preto das vilas ou nas grandes parroquias. Así, levantáronse naqueles tempos en Santa Marta os hospitais de San Roque e o da Santísima Trinidade e Redención dos Cautivos, situados no barrio do Ponto.

Este hospital, de planta rectangular, foi reedificado e perdeu a súa capela. Con todo, consérvase na actualidade para outros usos. Orixinalmente dispoñía de varias camas e doutra dotación importante para o seu mantemento.

Outro hospital, o da Magdalena, estaba situado nos extramuros da vila. Alí eran atendidos os leprosos, provintes de diversos lugares. Dispuña de camas e casetas, así como dunha fermosa capela que foi reducida no século XVIII. Esta garda no seu interior un raro e valioso retábulo. Malia que o hospital da Magdalena non adoitaba acoller peregrinos, podía atender ocasionalmente a aqueles que reunían as dúas condicións.

No século XVII o licenciado Juan Díaz Tenreiro fundou o hospital de San Claudio. Este edificio construiuse fóra dos muros do Pazo dos Barreiros, no lugar que aínda leva o nome do Hospital.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA