Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Reformas no convento

No ano 1561 traballa na reparación do convento Juan de Caxigal que, por encargo, levanta un lenzo de parede e constrúe a torre das campás e do reloxo. A partir do século XVII comeza a sentirse a necesidade de ampliar ou reformar a obra. Con todo, estes traballos non se iniciaron ata 1748, chegando o primeiro barco cargado de pedra de cantería para comezar o edificio no ano 1776. Faltaban aínda 17 anos para poder oficiar a primeira misa no convento, que estaba orientado en sentido contrario ao anterior e era notablemente máis grande.

Dende a súa fundación, toda a edificación estivo situada extramuros da Vila, a carón da porta principal do arco grande. O convento daba ás hortas que a comunidade posuía na Curuxeira, onde hoxe se localiza o barrio que leva o mesmo nome. Finalmente, o 7 de xullo –coincidindo coa festa da Virxe do Rosario, patroa da comunidade- ofíciase a primeira misa. Pouco antes trasladáranse os retábulos e ornamentos da anterior construción.

Posteriormente remátase a torre na que, o 21 de marzo de 1801, serían colocadas as campás. Catro anos máis tarde, coa chegada ao goberno de Mendizábal, faise efectiva a desamortización dos bens eclesiásticos. A comunidade relixiosa viuse entón na obriga de abandonar o convento, que pasou a mans do Estado.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA