Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Arquivo Histórico Municipal

Quen pode vir | Servizos prestados | Clasificación |

O Arquivo Histórico Municipal é a memoria da institución que o creou, e pola súa propia natureza, a memoria de Ortigueira. Defínese como o conxunto de documentos producidos e acumulados polo Concello no exercicio das súas funcións e actividades. Os textos que nel se conservan son o testemuño e garante dos dereitos e deberes da Administración e dos cidadáns, como fonte de información xeral para a xestión administrativa, así como todo tipo de investigacións.

Os documentos máis antigos que se conservan datan do século XVI. Todos estes fondos, dos máis antigos aos máis recentes, son conservados e sometidos a un coidadoso tratamento técnico que garantice a súa permanencia. A súa clasificación está baseada na Proposta de cadro de clasificación de fondos de arquivos municipais, elaborada polo Grupo de Traballo de Arquivos da Administración Local de Galicia.

O Arquivo compila fondos documentais públicos dos concellos de Ortigueira (S. XVI - XX), Couzadoiro (1836 - 1850), Freires (1836 - 1850) e San Adrián de Veiga (1836 - 1850).

Quen pode vir

A consulta do Arquivo Histórico Municipal é un servizo público e gratuíto. Está destinado á propia Administración, os cidadáns e os investigadores.

O acceso ás instalacións é libre. Os usuarios só deben presentar o DNI, pasaporte ou tarxeta de investigador, e cubrir unha papeleta de consulta.

Para asegurar a conservación da documentación o Concello aprobou en decembro de 2001 o Regulamento do Arquivo.

Subir


Servizos prestados

Información aos usuarios Atención de consultas de forma presencial, por teléfono, fax, correo postal e electrónico. Asesoramento sobre a utilización dos fondos documentais.

Consulta de fondos documentais Consulta en sala de documentos orixinais do arquivo.

Reprodución de fondos documentais Reprodución de documentos do arquivo en fotocopia -previo pago das taxas correspondentes- suxeita aos condicionantes de estado de conservación e normativa sobre propiedade intelectual. Quedan exceptuados os documentos de servizo restrinxido ou limitado polas disposicións vixentes.

Consulta da biblioteca auxiliar O Arquivo e a Biblioteca municipais comparten edificio. Así, a bibliografía específica de Arquivística, Ciencias auxiliares, e Historia local e rexional poden consultarse na sala de lectura da Biblioteca municipal.

Actividades de difusión O Arquivo programa diversas actividades destinadas a promocionar os seus fondos e servizos. Destacan entre elas as visitas guiadas, exposicións e obradoiros de carácter didáctico.

Subir


Clasificación

O Cadro de Clasificación reflicte a continuidade das competencias asumidas polo Concello ao longo do tempo. Así, establécense catro seccións principais -Goberno, Administración, Servizos e Facenda- divididas á súa vez en subseccións, series e subseries.
Goberno
Resérvase para as funcións directivas do Concello.
Administración
Abrangue os documentos relativos á actividade interna da institución.
Servizos
Baixo a denominación de Servizos reúnense trece subseccións con series que desenvolven actividades de carácter finalista. As catro primeiras recollen funcións e actividades relacionadas coa ordenación do territorio e da súa vida económica. Nas seis seguintes reflíctese a obriga municipal de salvagardar a integridade física e moral dos seus veciños. As tres últimas están dedicadas ás funcións derivadas da obriga que ten o Concello de controlar numericamente aos seus veciños.
Facenda
O cadro péchase coa sección de Facenda, a administración económica municipal.

Subir





© CONCELLO DE ORTIGUEIRA