Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre

Fondos | Carné de lector | Información bibliográfica | Actividades culturais |

Segundo as pautas establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a biblioteca pública é un espazo cultural, informativo, educativo e lúdico, aberto a todos os sectores sociais. Nel, os libros deixan de ser a única fonte de información.

Para poñer en práctica este concepto, o Concello promoveu a reforma integral do inmoble no que se asenta a biblioteca municipal. O obxectivo pasa por converter o recinto en:

  • Centro de actividades comunitarias: espazo de encontro, de comunicación e de debate.
  • Centro de promoción da lectura.
  • Centro de información á comunidade.
  • Centro de soporte educativo.

As novas instalacións inclúen unha sala de lectura para adultos e outra infantil, unha hemeroteca, a sala de autores locais e o arquivo histórico municipal.

Fondos

Actualmente o fondo da Biblioteca está formado por máis de 13.400 libros, 8 cabeceiras de xornais, 70 revistas e case 1.100 elementos multimedia. Este último grupo intégrano DVD's, CD-Rom e CD's de música. As cifras aumentan diariamente, por mor da constante adquisición de novos volumes e materiais.

A Biblioteca municipal conta cunha hemeroteca con prensa diaria rexional e nacional, revistas de información xeral e especializadas. As revistas e publicacións periódicas -excepto a prensa diaria- anteriores ás últimas recibidas empréstanse a domicilio, para facilitar a súa consulta.

Dentro dos fondos bibliográficos, as obras relativas ao municipio ou dos autores relacionados co mesmo contan cunha sección de seu. Os volumes desta sección local poden levarse en préstamo se hai máis dun exemplar, senón a súa consulta será só na sala de lectura.

Atendendo á implantación das novas tecnoloxías e ás súas múltiples aplicacións, a Biblioteca dispón de varios ordenadores. Os usuarios poden empregar o software destes equipos e consultar a través dos mesmos a colección multimedia dispoñible, ademais de navegar por internet. Para facer uso dos ordenadores é imprescindible presentar o carné de socio e respectar as condicións de uso. Ademais, tanto a biblioteca como as súas inmediacións son zonas wifi, co que os usuarios que dispoñan de portátil con esta tecnoloxía poderán conectarse de forma gratuíta á rede.

Por último, existe unha área reservada especialmente aos máis pequenos, na que se sitúan os fondos infantís e xuvenís.

O catálogo da Biblioteca municipal pode consultarse dende a web da Rede de Bibliotecas de Galicia.

A Biblioteca pon á disposición dos seus usuarios un servizo de reprografía, previo pago das taxas municipais correspondentes. Este someterase estrictamente ao previsto na vixente Lei de Propiedade Intelectual e normativa que a desenvolve.

Subir


Carné de lector

Os usuarios que estén en posesión do carné de lector da Biblioteca poden beneficiarse de empréstamos a domicilio. O documento permite asemade consultar o fondo multimedia -CD, DVD,...- e utilizar os ordenadores do recinto.

A obtención do carné de lector é gratuíta. Solicítase na Biblioteca e para obtelo cómpre cubrir o impreso correspondente e presentar unha fotocopia do DNI, xunto cunha fotografía recente de tamaño carné. No caso de carnés infantís de lector é preciso que a solicitude a asine o pai, nai ou titor do neno e adxunte unha fotocopia do seu DNI e unha fotografía do neno.

Subir


Información bibliográfica

A Biblioteca municipal ofrécelles aos seus usuarios un Servizo de Información destinado a atender as consultas bibliográficas e de referencia, así como aquelas relacionadas coa utilización dos distintos servizos e salas. O persoal do centro está á disposición dos usuarios para ofrecer información e facilitar o uso dos fondos.

Subir


Actividades culturais

A Biblioteca Juan Fernández Latorre organiza periodicamente actividades culturais de animación, fomento da lectura e promoción do uso das instalacións. Teñen lugar no recinto presentacións de libros, exposicións, conferencias ou visitas guiadas.

Ademais existen programas especialmente destinados aos máis pequenos. Os proxectos levados a cabo foron: no 2004 "Leer es algo mágico", no 2005 "Unha morea de contos", no 2006 "O cofre dos contos" e no 2007 "Descubrindo a biblioteca". Estes proxectos resultaron premiados nas diferentes edicións da Campaña de animación á lectura María Moliner organizada polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP e a Fundación Coca-Cola, quedando ademais nos tres últimos anos entre os finalistas.

No 2008 estase a desenvolver o programa "Na biblioteca" que inclúe diversas actividades: contacontos, manualidades, concursos, visitas de autor... Estas realízanse todos os mércores na sala infantil da Biblioteca.

Subir



Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre
Enderezo: Márquez Cortiñas, s/n. 15330. Ortigueira
Teléfono: 981 400 101
Email: contactar
Horario de atención ao público: Normal
De luns a venres, de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas.
Sábados de 10:00 a 13:30 horas.
Directora: María José Vilasánchez Fuciños



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA