Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Fundación Ortegalia

Liñas de actuación | O futuro |

A Fundación Ortegalia é unha organización sen ánimo de lucro, declarada de interese cultural e interese galego. Constituída en abril de 2000, ten por obxectivos principais a protección, recuperación e difusión do patrimonio histórico, monumental e paisaxístico. Neste sentido desenvolve diversas accións encamiñadas á promoción da cultura en todos os seus aspectos e manifestacións.

A súa actividade céntrase actualmente no Proxecto Global Ortegalia, dedicado á posta en valor do patrimonio cultural do Ortegal. Este plan pretende artellar o territorio a través de itinerarios culturais, que funcionen como fíos condutores do conxunto. Estas rotas poñen de manifesto a existencia de lugares susceptibles de seren recuperados e conservados, atendendo ao seu valor paisaxístico, arqueolóxico, etnográfico ou arquitectónico.

As principais aspiracións de Ortegalia pasan pola transformación do patrimonio cultural nun recurso que permita o progreso da comarca, abrindo novas oportunidades ás súas fontes económicas.

Liñas de actuación

Dentro deste plan global de actuación a Fundación Ortegalia vén executando unha serie de proxectos e actividades que abranguen múltiples facetas. Destacan entre eles a rehabilitación de edificios históricos -actual sede do Museo Ortegalia-, realización de excavacións arqueolóxicas -xacemento castrexo de Punta dos Prados e necrópole de Forno dos Mouros-, cursos formativos ou catalogacións e publicacións. A Fundación Ortegalia colabora asemade con institucións de recoñecido prestixio investigador e tecnolóxico, como a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo ou o CSIC, entre outras.

As accións desenvolvidas pola Fundación poden resumirse en tres liñas xerais de actuación:
  • Creación de infraestruturas culturais.
  • Recuperación do patrimonio arqueolóxico.
  • Labores de divulgación cultural.

Subir


O futuro

As previsións da Fundación Ortegalia pasan por un incremento significativo dos labores de divulgación. Mentres tanto, a actividade manterase no que respecta a creación de infraestruturas culturais e recuperación do patrimonio.

No aspecto da difusión cultural está a xogar un importante papel o Museo Ortegalia. As instalacións constitúen unha magnígica fiestra ao exterior, dende a que promocionar o patrimonio da comarca.

No tocante á investigación potenciaranse os temas de interese para a Fundación, que chegarán ao público xeral da man da serie monográfica Ortegalia: Monografías de Arqueoloxía, Historia e Patrimonio.

A Fundación promoverá ademais, de cara ao futuro, novas rotas de interese. Unha actividade que está a despertar unha grande expectación entre os máis diversos grupos de poboación.

En definitiva, as principais aspiracións de Ortegalia pasan por contribuír a que a nosa comarca se convirta nun referente turístico e cultural a nivel galego.

Subir



Información relacionada

Concellarías

Facemos Ortigueira

Axenda



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA