Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Escola de Música

A Escola de Música 'Concello de Ortigueira' -EMCO- comezou a súa andaina o 10 de outubro do ano 2000. Dende entón vén desenvolvendo un labor didáctico destinado a fomentar a afección musical entre os nenos e consolidala entre os adultos.

Os métodos de ensino do centro están actualizados e adaptados ás necesidades dos alumnos, que poden comezar os seus estudos a partir dos catro anos.

Ó longo do curso 2007/2008 na escola de música leváronse a cabo as xestións necesarias para a súa inclusión na Associated Board of the Royal Schools of Music (ABRSM) de Londres.
Este paso deu lugar á elaboración dun novo plan de estudos para o curso 2008/2009 e tamén para os sucesivos, para poder preparar os exames da escola inglesa e darlle, de este xeito, a oportunidade ós rapaces de presentarse ós exames e obter o título que expide esta asociación. Xa algúns alumnos da Escola de Música se examinaron os cursos anteriores obtendo uns resultados moi satisfactorios.

Este ano as disciplinas que se poden cursar na Escola de Música son vento-madeira, vento-metal, percusión, piano, piano complementario, música de cámara, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, gaita, dirección de banda de música e coro, coro, harmonía, historia da música, linguaxe musical dende 1º a 7º grao, así como linguaxe musical orientado a adultos e música e movemento.

O claustro de mestres durante o curso 2011/2012 son: Efrén Ramos, Vicente Rey, Paula Gago, Graciela López, Ana Yáñez, Juan Barcón, Rubén Montero e Carlos Diéguez, este último, é á súa vez, o director da Escola e da Banda de Música do Concello de Ortigueira.

Na Escola de Música contamos con 3 grandes agrupacións que son: A Banda da Escola de Música, o Coro da Escola e o Grupo de Música Celta.





© CONCELLO DE ORTIGUEIRA