Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Urbanismo e obras

Obra pública | Obra privada | Atención ao público | Solicitude de subvencións | Mediación con fornecedores | Convenios urbanísticos |

O servizo municipal de Urbanismo e Obras abrangue todos os aspectos relacionados coa construción -pública e privada- e o urbanismo.

No que respecta ás obras públicas desenvolve actividades relacionadas principalmente coa redacción de proxectos, a adxudicación de obras e a dirección e execución dos traballos. O Concello non sempre intervén nestes tres apartados, dependendo a súa implicación das características de cada caso concreto.

No eido da obra privada o Concello encárgase de expedir licencias de obras e de asesorar aos veciños en materia de urbanismo e obras. Ademais, tramita diversas subvencións concedidas por outras administracións e organismos, como o IGVS.

Obra pública

Redacción de proxectos A práctica totalidade das obras que se executan son redactadas por iniciativa municipal. Ben directamente -a través dos servizos técnicos- ou mediante o encargo a un estudio ou consultoría. Neste último caso o Concello realiza un seguemento do proceso de redacción.

Adxudicación de obras A adxudicación das obras depende de se o Concello é ou non o promotor das mesmas. No caso de que o sexa, segundo o orzamento e as características dos traballos, convócase un concurso ou adxudícanse mediante a presentación directa de ofertas. No primeiro caso cómpre redactar as bases do concurso, achegar a información precisa para as empresas interesadas e estudar as ofertas na mesa de contratación.

Dirección de obra Pode ser asumida ou non polo Concello. No caso de que o sexa, require frecuentes visitas de inspección, solución dos posibles problemas, control e certificacións de obras periódicas e, no seu caso, redacción de modificados ou complementarios de obra.
Se non é asumida polo Concello, aínda que a responsabilidade directa non lle corresponde, cómpre un control periódico e a colaboración coa dirección de obra. Deste xeito aténdense as peticións veciñais que chegan ao Concello e asúmense as posibles modificacións.

Subir


Obra privada

Os particulares están na obriga de pedir licencias de obras mediante a presentación do correspondente proxecto. Este debe reflectir os traballos que desexen executar.

Habitualmente, o proceso leva aparelladas diversas consultas previas sobre a situación urbanística dos terreos -en ocasión anteriores á súa adquisición-, a normativa que rexe sobre os mesmos e os servizos urbanísticos existentes. Posteriormente tramítase a correspondente licencia. Para iso cómpre que os servizos municipais estuden a documentación presentada e redacten un informe técnico.

Unha vez concedida a licencia, para iniciar as obras, é necesario facer o replanteo de aliñacións e rasantes. Posteriormente o persoal municipal realiza unha visita para comprobar que o executado se corresponde ao proxecto presentado. Deste xeito será posible outorgar a licencia de primeira ocupación tras o fin dos traballos.

Existen ademais múltiples obras menores, que non requiren dunha documentación tan complexa. Con todo, tamén debe informarse da realización deste tipo de traballos -muros de peche, galpóns, revestimento de fachadas, etc.- para a concesión das licencias correspondentes.

Subir


Atención ao público

Fóra das consultas directamente relacionadas coas obras, os servizos municipais facilítanlle aos veciños outro tipo de informacións. As máis usuais correspóndense con:

  • Problemas veciñais: Obras que están a executarse en parcelas contiguas, desputas por peches de fincas ou aperturas de fiestras, propiedade das servidumes de paso, etc.
  • Solicitude de novos servizos e obras nas súas propiedades ou inmediacións: Novos puntos de luz, asfaltado ou arranxo de camiños, colectores de lixo, etc.
  • Solicitude da documentación precisa para realizar trámites noutras administracións: Certificados urbanísticos, informes técnicos, segregación e agregación de fincas, etc.
  • Fotocopias de documentación, especialmente planos existentes no Concello ou particulares.

Subir


Solicitude de subvencións

Os servizos do Concello encárganse da tramitación de subvencións, ben para beneficio particular ou para a consecución de financiamento de obras municipais.

No primeiro suposto, tramítanse dende o Concello as subvencións que outorga o Instituto Galego da Vivenda e Solo -IGVS- para a rehabilitación e reconstrución de vivendas rurais. Cómpre presentar, en cada expediente, documentación sobre a vivenda a rehabilitar.

No caso das obras municipais os traballos pasan por cumplimentar a documentación técnica precisa para a solicitude da subvención. De seren concedida procédese á execución e certificación da obra, tal e como se apunta no apartado sobre obras públicas.

Subir


Mediación con fornecedores

O Concello atende ao persoal comercial que presenta ofertas e novidades en materiais de construción e servizos. Neste senso mantén constantes xuntanzas con empresas como Fenosa ou Telefónica, sobre cambios nas liñas e características precisas para novos trazados.

Subir


Convenios urbanísticos

O Concello redacta convenios urbanísticos para a execución de actuacións concretas -unha praza, un equipamento, etc.-. Na súa elaboración téñense en conta as opinións dos veciños afectados, co obxectivo de acadar acordos concretos.

Subir





© CONCELLO DE ORTIGUEIRA