Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Servizos sociais

Que podemos facer por ti? | Axudas económicas | Ortigueira Voluntaria |

Os Servizos Sociais municipais son un conxunto de programas, servizos, prestacións e accións orientadas a potenciar o benestar social.

O noso obxectivo principal pasa por acadar o devandito benestar mediante a prevención, a eliminación ou o tratamento das causas que impidan ou dificulten o pleno desenvolvemento das persoas e grupos de Ortigueira.

Poden acudir ao Centro Social todos os veciños do Concello que desexen solicitar información sobre os recursos sociais, ou xestionar algunha prestación.

Ademais dos programas específicos, os Servicios Sociais ofrécenlles aos cidadáns que o precisen asistencia xurídica, psicolóxica e colaboración en medidas xudiciais.

Que podemos facer por ti?

Dende os Servizos Sociais xestionamos un amplo abano de programas específicos de axuda para as persoas do municipio. Estes son algúns dos máis salientables:

Información, valoración e orientación

Traballamos activamente para facilitarlles aos cidadáns o coñecemento e acceso aos recursos sociais, para que poidan exercer os seus dereitos nun marco de igualdade de oportunidades.

Axuda a domicilio - SAD


Esta prestación responde á necesidade dos cidadáns de dispoñer dunhas condicións que lles permitan desenvolver a súa autonomía persoal e social no seu propio fogar. Deste xeito favorécese que as persoas podan residir comodamente no seu domicilio, grazas a axudas de carácter persoal -hixiene, comida, aspectos sanitarios,...-, ou doméstico -alimentación, limpeza da vivenda,...- entre outras. Dentro deste apartado figuran o Servizo de Teleasistencia, o Servizo de Camas Articuladas e o Servizo de Transporte Adaptado.

Aloxamento alternativo

O obxectivo principal deste programa pasa por conseguir que os cidadáns en situación de necesidade -temporal ou permanente- conten cun aloxamento digno e unha estrutura básica de relación. Neste eido ofrécense alternativas como as familias acolledoras ou a residencia municipal, entre outras.

Prevención e inserción

O programa compila unha serie de actuacións destinadas a previr a marxinación e as súas causas. Pretende asemade favorecer os procesos de participación e integración das persoas e colectivos do municipio. Con este obxectivo desenvólvense unha serie de prestacións específicas, como obradoiros ocupacionais, formación, viaxes sociocomunitarios ou campañas informativas.

Intervención familiar

Este programa pretende mellorar a calidade de vida no Concello, especialmente a das familias en situación ou risco de exclusión social. Contémplanse os problemas socioeconómicos, situacións de desemprego de longa duración, suituacións de alcoholismo, familias monoparentais,... Dende os Servizos Sociais traballamos para detectar, corrixir e previr este tipo de situacións, promovendo a integración das familias.

Accesibilidade e supresión de barreiras

O Concello traballa activamente para garantir que as persoas con mobilidade reducida -ou calquera outra limitación- podan desenvolverse normalmente no contorno urbano, accedendo a edificios e medios de transporte. Neste eido promóvese a eliminación de barreiras arquitectónicas e de impedimentos para o transporte, existindo un Servizo de Transporte Adaptado, tarxetas de estacionamento e accesibilidade para as persoas con minusvalías.

Para obter información sobre outro tipo de prestacións podes poñerte en contacto co Centro Social.

Subir


Axudas económicas

O Concello, dende o departamento de Servizos Sociais, facilítalles aos seus cidadáns as seguintes axudas económicas:

  • Axudas de emerxencia social. O prazo está aberto todo o ano.
  • Axudas de Reis. Hai que solicitalas no mes de novembro.
  • Alimentos da Cruz Vermella, nos meses de abril e setembro.

Subir


Ortigueira Voluntaria

A agrupación Ortigueira Voluntaria púxose en marcha a finais de 2003. O seu principal obxectivo pasa por acadar o benestar do conxunto da cidadanía, mediante o desenvolvemento de actividades lúdicas e educativas.

Lévanse a cabo tarefas como o acompañamento de persoas maiores, a participación en actividades de lecer e terapéuticas ou a organización de obradoiros destinados a mellorar a saúde dos habitantes do municipio. Poden colaborar coa agrupación todas as persoas maiores de idade, sendo os xóvenes e os xubilados os principais destinatarios da iniciativa. Os interesados poden poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais.

Subir





© CONCELLO DE ORTIGUEIRA