Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Os arredores de Santa Marta


Luama e Luía

As parroquias de Luama e Luía están practicamente unidas á vila de Santa Marta. De feito, parte do seu espazo urbanístico atópase en Luama.

Luama era coñecida antigamente polo nome de San Martiño da Lagoa. Conta a tradición que tempo atrás existiu un pobo asolagado no areal de San Martiño.

Unha estrada - paseo percorre toda a veciñanza, partindo da fonte do lavadoiro de Curuxeiras e retornando á Vila bordeando a Ría polo barrio da Penela. Esta rota leva ao asilo, ao Casal de Miñano, o complexo paisaxístico e ecolóxico dos areais de San Martiño e Cabalar, ao piñeiral de Morouzos e aos xuncais de Luama e Luía.

Pazo de Brandariz

Xardíns do Pazo de Brandariz.

Sobre a aba suroeste da península que circunda o paseo atópase o Pazo de Brandariz, dende o que se divisa unha fermosa panorámica de Santa Marta e a Ría. Dentro do recinto amurallado está a casa solarega, que presenta un escudo heráldico.

Accédese a ela por unha escalinata de pedra con balaustrada de madeira. Este paso leva tamén á capela, o calabozo, un pozo labrado, un sarcófago que fai de pila e a uns harmoniosos xardíns deseñados por un francés.

Neles florece unha curiosa laranxeira hermafrodita obxecto de preito no século XVIII. Daquela o bispo de Mondoñedo intentou que os propietarios do pazo a cortaran, ao considerala obscena.

Areais de San Martiño e Cabalar

Volvendo ao paseo de Miñaño chegamos ao embarcadoiro no que durante séculos atracaron as lanchas que facían a pasaxe da Ría ata Sismundi, no lado occidental. Preto dalí hai unha pequena lagoa de importancia ecolóxica.

Illa de San Vicente

Illa de San Vicente

Non existe discontinuidade entre os areais de San Martiño e Cabalar. Trátase de praias amplas, con moitas dunas e un fermoso piñeiral chamado Morouzos. Fronte ao areal está o banco de area coñecido como A Barra e a illa de San Vicente, á que se pode chegar a pé con marea baixa. Esta illa de forma oval, que actúa de límite coa ría do Baleo ou Ladrido, acolleu un mosteiro durante a Idade Media.

O conxunto formado polas praias e os xuncais é un dos máis destacados da ría de Ortigueira, atendendo ao seu interese ecolóxico. Está protexido dende 1989 polo convenio de Ramsar.


© CONCELLO DE ORTIGUEIRA