Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

De Santa Marta a Loiba, polo oriente da Ría


A estrada da costa, que discorre paralela á marxe oriental da Ría, chega ata Loiba pasando por Luía, Barbos, Mosteiro, Ladrido, Espasante e Céltigos. A San Cristovo e San Salvador de Couzadoiro chégase collendo un ramal dende a ponte do Baleo.

Luía

En Luía atopamos a capela de Santa Ana, situada no centro dun casal que leva o mesmo nome. Noutro tempo houbo aquí un souto no que se celebraba a romaría das festas patronais de Ortigueira.

Barbos e Mosteiro

O mesmo que Luía, Barbos e Mosteiro están preto da Vila. As súas vivendas espállanse nun espazo aberto que mira ás augas da Ría na zona dos xuncais, coa illa de San Vicente de fronte.

Vistas dende a parroquia de Barbos

Vistas dende a parroquia de Barbos

A igrexa de Barbos está nunha chaira do lugar da Rúa, a carón dun regato. Esta parroquia finaliza no río Baleo, cruzado pola estrada xeral na súa desembocadura. É este un lugar curioso, de interese paisaxístico e especial engado nas tardiñas da primavera e o verán.

Nas proximidades atópase a capela de San Fernando, erguida en 1847 polo fidalgo da localidade e coronel de artillería Vicente Vázquez Moscoso. Construiuna na honra de seu pai, Fernando María Vázquez. Este último foi membro do mesmo corpo militar e un dos encargados de dirixir as operacións das alertas orteganas contra os invasores franceses catro décadas antes. Preto da capela atópanse as ruínas da casa familiar.

Non lonxe daquí está Fonteferreña, un manantío de auga rica en ferro. Noutrora acudían a el as xentes da Vila para beneficiarse das súas propiedades curativas.
Luía

San Salvador e San Cristovo de Couzadoiro

Nas parroquias de San Salvador e San Cristovo o tempo transcorre lentamente. Esvara entre as casas que manteñen a tradición arquitectónica rural do noroeste galego e doutras, de estilo indiano, que lembran a emigración a América. Os habitantes destas parroquias agrupáronse na Sociedad de Instrucción Hijos de Couzadoiro coa intención de impulsar melloras para o lugar. Unha delas foi o sustento dunha escola privada, que tivo a súa sede nunha casa do barrio de Randamil coñecida co nome de O Escolar. Os seus propietarios manteñen en pé o inmoble, respectando o aspecto -interno e externo- que tiña a mediados do século XIX, cando foi construído para unha familia de labregos acomodados.

Randamil está en San Cristovo, onde atopamos tamén a Casa da Torre. Trátase dun pazo cunha ampla horta e paseo con palmeiras. Dende o punto de vista arquitectónico é salientable o marco con arco de medio punto duha porta lateral da fachada principal, decorado con pequenos semicírculos.

Vista de Morouzos dende a igrexa de Ladrido

Vista de Morouzos dende a igrexa de Ladrido.

Na igrexa de San Cristovo pode verse unha curiosa imaxe dunha virxe negra, a de Loreto. Destacan asemade os altares situados nun dos brazos do cruceiro, un canto á imaxinería relixiosa popular dos séculos XVII e XVIII do noso país. Están realizados en madeira policromada e datan de 1690 e 1739. O máis recente, de estilo churrigueresco, sufriu o roubo das imaxes de tres santos.

A igrexa de San Salvador está situada nun lugar dende o que domina o amplo val. No seu interior conserva un sepulcro con estatua xacente.

Ladrido

Volvendo á estrada xeral subimos ata a parroquia de Ladrido, situada na aba occidental da península dominada polo Monte da Croa. Neste lugar existen restos dun castro.

O núcleo de poboación máis habitado é O Barral, onde se sitúa a igrexa deseñada cara ao ano 1800 polo sacerdote Francisco Xavier Méndez e Neira de Saavedra. Afamado reloxeiro, instalou o seu taller na reitoral da freguesía.

As súas obras admíranse agora en museos -como o municipal da Coruña- e no devandito templo, no que está soterrado aos pés do altar. Da súa factura aínda se conservan na igrexa unha sinxela cruz de prata e a que fora a porta da adega da reitoral, decorada cunha pintura.

Espasante

Poboación que sucede á anterior. Ten dous núcleos de poboación ben diferenciados dende épocas pasadas: a Aldea e o Porto de Espasante, que xa en 1530 eran considerados independentes polo Condado de Ortigueira a efectos administrativos.

A Aldea distribúese de forma diseminada, e está dedicada fundamentalmente á agricultura. O Porto, pola contra, é un núcleo concentrado no itsmo da península do Monte do Facho, entre as praias da Concha e San Antonio.

Na Aldea atópase o lugar do Plantío, onde se celebraba a feira o derradeiro domingo de cada mes. Tamén no Plantío sitúase o pazo de Rasamontes, construído no século XVIII polos Tenreiro de Andrade. É un edificio con patio interior porticado, a semellanza dun claustro monacal. Unha das súas fachadas exteriores ten ventás con frontóns coroados de estilo neoclásico.

Monumento con Forno, en Espasante

Monumento con Forno, en Espasante.

O Porto é un conxunto urbano. A súa parte máis vella distribúese entre rúas estreitas e irregulares. Moitas das súas típicas casas mariñeiras, de fachada con corredor balaustrado, dan mesmo ao areal da Concha. Esta zona do Porto foi poboada dende tempos antigos, como testemuñan varios descobrementos arqueolóxicos. Nas puntas situadas ao norte e ao sur do areal da Concha atópanse restos de castros e unha curiosa construción, chamada Monumento con Forno.

A igrexa parroquial está no lugar de Adro, a carón do río Dola. Actualmente reformada, foi construída entre os séculos XVI e XVIII. No seu interior conserva varios retablos barrocos. O mestre tallista santamartés Nicolás Sánchez asinou no ano 1741 o retablo maior. Nel está representado San Xoán -titular da parroquia- e varios santos máis. Entre eles atópase Santo Domingo, en lembranza das extensas posesións que tiña nestas terras o convento do mesmo nome nos séculos XVII e XVIII. O Porto ten tamén unha capela dedicada a San Antón, construción sinxela con exvotos mariñeiros pendurados das trabes do teito e un pequeno retablo do século XVIII.

Céltigos

É esta unha parroquia agraria que vive preto do mar. As casas esténdense polo territorio da freguesía e a igrexa está no lugar de Barral. Céltigos conta cunha fermosa praia chamada Mazorgán, dividida por unha pequena península costeira.

Loiba

En Loiba remata o concello de Ortigueira polo leste. Esta parroquia de tradición agraria é unha das máis extensas do municipio. Ten amplas chairas que se perden entre as vertentes occidentais da Serra Faladoira -Coriscada e os altos do Viso e Rande-. Nestes cumios explótanse as canteiras de lousa.

Cruzan Loiba varios ríos -entre eles o de Esteiro- que recollen as augas do Grota, no lugar da Feira. Van desembocar ao areal do mesmo nome, tras cruzar unhas brañas de interese ornitolóxico.

Cantís na costa de Loiba

Cantís na costa de Loiba.

A costa de Loiba é a máis salvaxe do Concello. Entre impresionantes cantís perforados por covas -chamadas furnas- na súa parte baixa, ábrense ás augas da Ría exterior as praias do Picón e Coitelo. Nestes areais atopamos un curioso peirao, onde as gamelas se sosteñen la ladeira por roldanas para evitar que as leve a preamar.

No Campo da Feira levantouse unha capela na honra de Santo Andrés. Hai outra capela no montañoso casal de Soutomoro, dedicada neste caso á Virxe do Carme.

Destaca por último a igrexa parroquial de Loiba, reconstruída no século XX con gusto gótico sinxelo. Dálle o nome ao lugar no que está situada, onde atopamos tamén a antiga casa reitoral e o Grupo escolar que os loibeses custearon por subscrición popular.


© CONCELLO DE ORTIGUEIRA