Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

De Santa Marta ao Ermo, polas parroquias da montaña


Podemos comezar a rota collendo o ramal que dende Cuíña nos leva ata As Pontes polas parroquias Orteganas do interior: Freires, Devesos, As Neves, Insua e O Ermo.

San Paio dos Freires

San Paio dos Freires está formada por varios lugares, algúns deles situados a carón do río Maior. Non abrangue moita extensión territorial e é unha das parroquias menos poboadas do Concello.

Igrexa de San Paio

Igrexa de San Paio

A modesta igrexa parroquial é dunha soa nave. A fachada conta cun adro no que se reunen os fieis, a través do que se accede á porta principal de entrada. Esta é alintelada, con marco de granito labrado. Dentro, o altar maior é de estilo churrigueresco.

A un lado do templo está o cemiterio e, ao outro, érguese un campanario rematado en torre de espadana. Accédese a el polo exterior da igrexa, subindo unha vella escaleira de caracol. É este o único exemplo de todo o termo municipal no que o campanario está separado da igrexa. O conxunto complétase cun fermoso cruceiro, as ruínas da reitoral e unhas casas de labranza de paredes de pedra e tellados de lousa en mal estado de conservación.

Devesos

Devesos -coñecida antigamente por San Sebastián Cuadrilla de Abaixo- é unha parroquia montañosa na que se abren pequenos e profundos vales. As casas esténdese espalladas aproveitando as poucas zonas aptas para o cultivo.

A igrexa, ancha e antiga, foi arranxada na primeira metade do século XX. Ten un espacioso pórtico na fronte, entre o campanario rematado en torre de espadana e a porta principal de entrada ao templo. Conta asemade cun adro no lateral.

Nas montañas das Neves, en montes pelados a causa dos rigores do clima, pacen libres durante todo ano cabalos e vacas bravas. Lindando coa parroquia mañonesa das Grañas do Sor está o Pico da Faladoira. A máis de 600 metros sobre o nivel do mar, encabeza unha serra na que abundan os túmulos dolménicos.

San Xoán de Insua

San Xoán de Insua é un territorio rodeado de ríos. A poboación atópase moi espallada por esta ampla parroquia, aproveitando calquera lugar óptimo para o cultivo.

A igrexa, construída en 1787, está pechada por un muro baixo. Dispón dun adro na súa fronte, separado do templo. Este forma un conxunto harmonioso coas ruínas da casa reitoral e un próximo lavadorio con cruceiro acaroado.

O mesmo acontece co fondo do val que cruza a estrada que nos leva ata O Ermo. Ten unha ponte sobre o río Pulgueiras e un muíño que recolle as augas a través dunha coidada canle.

O Ermo

Por último, o terreo do Ermo é menos crebado que os das anteriores parroquias. A igrexa -moderna- está situada ao lado dereito da estrada que leva de Insua a Senra. Preto dela, en dirección a Quintá, atopamos entre unhas vivendas un fermoso e antigo cruceiro. Ten esculpidas na cruz as imaxes de Cristo e da Virxe.

Igrexa do Ermo

Igrexa do Ermo.

No próximo lugar de Pereiro está o pequeno Grupo Escolar, fundado pola Sociedade de Instrución O Progreso en 1928. Ten un frontón semicircular alzado na fachada principal. Vemos tamén a casa que fora solar da familia fidalga dos Saavedra. Mantén aínda nunha das paredes un brasón labrado en pedra. Segundo conta a tradición existiu ademais neste lugar un convento de monxas.

A parroquia inspirou a Álvaro Cunqueiro a narración Gonzalo en el yermo, publicada en 1945.


© CONCELLO DE ORTIGUEIRA