Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

De Santa Marta a Santo Adrián, no centro da ría


Eucalipto de Lagarea

Eucalipto de Lagarea

Collendo a estrada da costa en dirección a Ferrol sáese da Vila polo lugar da Lagarea. Hai nel unha ponte sobre a vía do tren, e un xigantesco eucalipto que se converteu no verdadeiro sinal de entrada e saída da poboación.

Na parte central da ría de Ortigueira atópanse as parroquias de Cuíña, Senra, San Claudio, Santiago de Mera e San Adrián de Veiga. Máis cara ao interior está Santa María de Mera.

Cuíña

Cuíña está moi próxima a Santa Marta. Á dereita da estrada sitúase o centro escolar construído pola sociedade de emigrados a América Hijos de Santiago de Cuíña. O inmoble foi levantado nos anos vinte para servicio dos veciños, intentando paliar as deficiencias da instrución oficial daqueles tempos.

A igrexa, que ata hai poucos anos carecía de campanario, atópase nun lugar dende o que domina a Ría.

Tamen é posible chegar a esta parroquia dende a Vila pasando pola capela da Magdalena. Este punto ofrece unhas fermosas vistas panorámicas.

Senra

O río Maior marca o límite con Senra, que goza dunha importante tradición histórica. Nela situouse o Priorato de Sáa, creado polo mosteiro de Monfero en 1373. O conxunto comprendía unha granxa nas posesións doadas por Fernán Pérez de Andrade El Bueno, primeiro señor de Pontedeume. En Sáa poden verse aínda as ruínas dun grande muíño que pertenceu ao edificio da Granxa. Trátase dunha dobre construción de actividade agraria levantada no lugar do mesmo nome.

Pazo de Riomaior

Pazo de Riomaior

Preto daquí atópase o edificio construído en 1916 polos emigrados da parroquia emigrados a Cuba, unidos na Sociedade de Instrución Hijos de San Julián de Senra. É este un digno exemplo da arquitectura escolar indiana, de dous andares e fachada principal rematada en frontón.

En Senra está tamén o Pazo de Riomaior. As súas fachadas sosteñen, na cornixa, un par de bustos pétreos de estilo renacentista. A capela acolle unha estatua xacente de Pedro Tenreiro de Lago, quen fora cura de Vilarrube. Esta obra, con inscrición e dous traballos heráldicos, data do século XVIII.

Non lonxe do pazo, na desembocadura do río Maior, está o único muíño de mar existente no Concello. Presenta este a típica estrutura con piscina destinada a coller a auga nas subidas das mareas. Esta derramábase despois para mover, coa súa forza de saída, as engranaxes do muíño. Nesta zona instalouse en 1990 un observatorio ornitolóxico, nunha construción elevada de madeira.

Por último, salientar que é moi popular no contorno a Romaría da Santiña, que se celebra arredor da ermida situada xunto ao Camiño Real, preto da estrada da costa. A construción actual deste templo data de 1894.

San Claudio

Santa María de San Claudio sitúase nunhas terras consideradas entre as mellores do Concello. Actualmente só garda os recordos dun anterior esplendor como centro agropecuario da comarca. Aínda poden verse algúns dos alpendres dos vendedores da primeira e máis destacada feira ortegana. Ésta celebrábase todos os terceiros domingos de mes e foi creada pola Real Cédula de Enrique de Trastámara en 1405. Tamén está aínda en pé a caseta onde se instalou a primeira báscula de pesar gando do norte da provincia coruñesa.

Casetas da feira, en San Claudio

Casetas da feira, en San Claudio

Lembranza dos emigrados a América son as moitas casas indianas que salpican a parroquia, con pórticos na entrada, palmeiras nos xardíns e fachadas rematadas en bufardas. Froito das achegas dos desprazados quedou tamén un Grupo Escolar ben amplo, construído na década de 1920 pola Sociedade de Instrución Recreo e Auxilio Mutuo San Claudio. Esta organización nacera en Cuba en 1912.

A poboación foi un centro oleiro de sona, funcionando ademais como centro comercial e de diversión. Nesta zona consérvase o pazo dos Barreiros. Destaca nel a escaleira de pedra que leva directamente ao segundo andar, así como o antigo marco de medio punto que remata a porta principal da construción. Preto daquí atopamos a Casa dos Romero, de traza sobria e rexa, que se alza dentro dun espazo amurallado.

A casa das Señorías do Grañeiro conta na súa fachada posterior cunha galería sostida por columnas labradas en pedra. Dende o lugar no que se asenta podemos observar unha fermosa vista de San Claudio, coas súas vivendas espalladas.

Mera de Abaixo

O nome de Mera -de orixe prerromana e referente á auga- refírese a dúas parroquias diferenciadas: Santiago ou de Abaixo e Santa María ou de Enriba. Mera de Abaixo ten como núcleo central o lugar da Ponte, onde se toma un ramal en dirección a San Adrián de Veiga e Cariño.

Pazo do Souto

Pazo do Souto


Na época moderna foi feudo dos donos do pazo do Souto, de planta en escadra, con capela e xardín. Este ten como escudo heráldico un mosaico desordenado dos sinais de identidade das vellas liñaxes orixinarias das Terras de Ortigueira.

Próxima a Souto está a igrexa da parroquia, nunha ladeira dende a que se domina o fértil val regado polo río Mera. A súa tipoloxía arquitectónica é semellante ás do resto do Concello, malia que foi reformada entre finais do XVIII e comezos do XIX. Nos laterais do frente ten un reloxo de sol moi ben conservado, así como dous adros con cubertas sostidas por columnas de pedra.

Mera é, sobre todo, val e río. Val de árbores froiteiras e río de cauce variable. Un alto viaduto de once arcos de altura crúzao na súa parte media para permitir o paso do tren da costa. A ponte, que harmoniza á perfección co contorno que rodea, foi construida en 1921 baixo a dirección de Jesús Uribarri.

Mera de Enriba

Convén chegar ata Mera de Enriba pola estrada que pasa polo Souto, transitando o corazón do val. O seu territorio dedícase basicamente á produción agropecuaria. A poboación da zona está bastante diseminada, agás unha pequena concentración no casal de Ponte Noval. Aquí atopamos construcións tradicionais de pedra -algunhas en ruínas- xunto ao que fora edificio recreativo da Liga de Amigos -1926-. No lugar sitúase ademais o grupo Escolar custeado pola sociedade dos emigrados a América.

O conxunto garda a lembranza de tempos pasados, nos que era paso obrigado de comunicación entre Ferrol, Santa Marta e Viveiro, así como con Cedeira. Era esta a rota do antigo Camiño Real, que discorría por unha ponte de madeira sobre pilastras de pedra, construída en 1804. Esta foi reformada en 1829 con cachotería con tres arcos.

Santo Adrián de Veiga

Maceiras en Santo Adrián de Veiga

Maceiras en Santo Adrián de Veiga.

A única parroquia do Concello situada na marxe occidental da ría de Ortigueira é Santo Adrián de Veiga. Este territorio, ben poboado a comezos do século XX, foi entrando no declive que posteriormente lle afectaría ao medio rural da comarca. Destaca nestas terras a abundancia de maceiras. De feito esta parroquia -xunto as de Mera e San Claudio- é unha das principais produtoras das mazás que se exportan a Asturias e Euskadi para a elaboración de sidra.

Quedan abundantes vestixios do seu pasado máis remoto: varios dolmens que forman parte do grupo da Serra da Capelada; os castros do Penido do Medio -da mesma serra- e Fornelos -na punta da península litoral de Leixa-; ou unha construción defensiva do medievo. Esta atópase no rochoso Pico do Castelo ou Pena do Vilar, dominando a ancha ría ortegueiresa.

A un lado do camiño que sobe cara á Capelada atopamos unha pedra que se abala. A lenda conta que foi deixada aquí por unha muller que viña fiando dende Teixido. Xa no medio do monte, no curso do riacho Cerdeiras, está o Pozo do Inferno. O lugar ben merece unha visita tanto polo inhóspito da paisaxe -con pequena fervenza incluída- como pola escuridade da profunda cova na que penetra o riacho que lle dá nome á paraxe. Máis arriba deste mesmo cauce fluvial, no lugar do Camiño Novo, atopamos outro pequeno salto nun espacio máis aberto e acolledor.

Pola zona coñecida como lugar de Calvario, aos pés da igrexa e rodeada dun muro, atópase a rexia casa que custearon as confrarías da parroquia a finais do século XVIII. Posteriormente sería adquirida polo Mariscal José Pardo de Osorio.

Por último, podemos admirar en Veiga unha das casas particulares máis interesantes e fermosas da comarca. Está a carón da estrada que vai de Mera a Cariño, onde a ergueu en 1885 o indiano Francisco Rico. As esquinas e os marcos das portas e ventás da fachada principal son de granito labrado. Presenta ademais un balcón de ferro forxado e unha galería de harmonioso deseño, cos cristais superiores de cores.


© CONCELLO DE ORTIGUEIRA