Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Xacemento de Punta dos Prados

Convertido nun novo recurso do turismo cultural, o xacemento de Punta dos Prados atesoura os restos dun pequeno poboado fortificado construído entre os séculos IV e I a.C. Está situado estratexicamente en primeira liña da costa, uns 20 metros por riba da boca da enseada de Espasante.

Trátase dun bo exemplo dos chamados castros marítimos. Nel o recinto habitacional aparece protexido e illado da zona de acceso natural mediante a construción de dous foxos en U. Consta ademais dunha dobre liña de muralla de terra e pedra e dun parapeto exterior moi afectado pola erosión. O espacio intramuros viuse tamén moi alterado polos procesos erosivos e pola súa ocupación en épocas modernas.

Con todo, o que fai sobresaínte a Punta dos Prados é a aparición dun monumento con forno: unha sorte de sauna ou de recinto de baños de vapor de carácter ritual da época. Esta construción resulta excepcional na arquitectura exhumada, dado que a súa planta semicircular a diferencia de todas as que se coñecen en Galicia –cadrangulares- e Portugal –rectangulares-.

As recentes campañas de excavación, promovidas pola Fundación Federico Maciñeira, puxeron ao descuberto o antigo acceso ao recinto. Trátase dun camiño de cantos rodados, delimitado por muros e cun torreón arrasado. Nestes traballos saíron ademais á luz abundantes restos de metal e cerámica e trozos de pezas de bronce.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA