Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Igrexa parroquial

A igrexa do antigo convento é a parroquial da vila de Santa Marta dende 1848. De nova construción, ergueuse segundo o proxecto e baixo a dirección do mestre de arquitectura lugués Blas de Barros. Encostada ás que foran o resto das dependencias monacais, ten planta de cruz latina cunha soa nave, cabeceira con capelas laterais, unha única torre e claraboia de tambor sobre o cruceiro.

Accédese á porta principal por un pórtico de catro arcos, cun andar superior abalconado. A torre de tres corpos de ancho decrecente ten trinta e seis metros de altura. É a única parede da nave que se ve dende o exterior, ao lado sur, xa que as demais están unidas ao antigo convento. Presenta unha fermosa portada de tres corpos.

O material empregado é cantería de granito en esquinas, marcos das portas, ventás e adornos. O resto é de cachotería revocada, agás os dous corpos superiores da torre, todos de cantería. O interior está cuberto por unha bóveda de canón. Toda a cuberta divídese en oito compartementos, aos que hai que engadirlle un noveno, de planta cadrada, que corresponde ao cruceiro. Os arcos que a sosteñen descargan sobre grandes pilastras toscanas unidas ao muro.

Anteriores á construción do templo parroquial son os importantes retablos que garda no seu interior, así como unha lápida sepulcral de alabastro con letras góticas do século XVI, que garda os restos de Martín de Basoa.

Tanto o retablo do Altar Maior como o do Rosario son obra do mestre tallista Juan Domínguez de Estivada. O primeiro deles é de 1766. Consta de dous corpos e, malia que ten nove metros de largo, tende é verticalidade. Domina o arquitectónico sobre o escultórico. Inclúe tallas de Santo Domingo –que o preside-, Santa Rosa de Lima, Santa Catalina, San Pedro Mártir, San Francisco de Asís, a Fe e a Xustiza. Coróaos un altorrelevo da Virxe do Rosario. Pintouse e dourouse por primeira vez no ano 1859.

O retablo do Rosario está realizado en madeira de nogueira. Ten tamén dous corpos e destaca nel unha sutil decoración. O seu aspecto actual é o orixinal, xa que nunca foi pintado nin dourado. O mesmo que o retablo do Altar Maior é de gran calidade e ten grandes imaxes talladas en madeira que amosan posturas e vestimentas variadas. O do Rosario acolle as do Pai Eterno –no remate superior-, a representación da Visitación a María, a Virxe do Rosario, San Xosé e San Xoaquín. Ambos os dous retablos foron restaurados en 1998.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA