Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Costa de Loiba

A costa de Loiba constitúe unha auténtica sucesión de monumentos naturais. É este o litoral máis salvaxe do municipio, e tamén o máis descoñecido. O mar esculpiu nesta zona impresionantes cantís de filitas e esquistos e perforou rochas, dispoñendo unha sorte de covas coñecidas como furnas.

Ao seu carón atopamos miradoiros de luxo, praias virxes como O Picón e lugares curiosos como un embarcadoiro que vén de ser rehabilitado. Nel as chalanas eran sostidas por roldanas para evitar que foran arrastradas na preamar.

Restos de muíños de vento e amplos hórreos –construídos integramente de pedra ou cos barrotes de madeira- danlle cor a aldea próxima. Hoxe en día constitúen un testemuño da época na que o contorno salientaba pola súa produción cerealística.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA