Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Bordo litoral da ría de Ortigueira

A rota comeza no paseo marítimo de Ortigueira, onde atopamos un amplo aparcadoiro. Avanzamos polo paseo deixando á nosa dereita os xardíns do Malecón. Neles é posible observar un exemplar de oliveira centenaria, un ciprés de Monterrey, dous abetos de Douglas, tres araucarias, un cedro e dous magnolios, entre outras especies.

Restos do muiño de vento

Restos do muíño de vento

Pasados os xardíns, a man dereita e nunha zona elevada do terreo, sitúase o barrio do Ponto que fora o primeiro núcleo poboado da Vila. O seu nome provén da ponte levadiza que cumpría cruzar para acceder ao castelo arredor do que comezou a medrar o pobo. Esta zona acolleu con anterioridade un castro.O Concello rehabilitou nos últimos anos o muíño de vento construído a finais do século XIX no lugar que ocupou a torre do castelo.

A rota prosegue polo paseo marítimo. Se as condicións atmosféricas o permiten é posible deterse nesta zona para observar multitude de aves. A tarefa é especialmente doada coa marea baixa, cando se achegan á Ría para alimentarse das algas ou peixes e outros organismos que habitan nela. Máis preto do paseo, en zonas de auga pouco profunda, veremos aves de patas e pico curto, como o Pilro curlibico, o Bilurico pativerde ou a Píllara real.

Na zona media da Ría atópanse as aves de pico e patas máis longas, como o Mazarico curlí, as agullas e diversos tipos de gaivotas e anátidas. Destacan as Gavitas, polo seu longo pico vermello, e os corvos mariños, de cor negra verdosa. Estes últimos son moi doados de distinguir, ao estar mergullándose de seguido para pescar.

Nos puntos que rexistran unha maior sedimentación existen chairas areosas emerxidas. Nelas é posible observar garzas e garzotas.

Área recreativa

Área recreativa O Murito

O paseo continúa cara ás pistas polideportivas. Dende elas, unhas escaleiras de madeira levan ata o vieiro polo bordo litoral da Ría, que discorre entre pastos e loureiros. Estes foron plantados para protexer os campos e cultivos do sal e do forte vento mariño. Ocorre case o mesmo nos lindes entre fincas, onde atopamos unha gran diversidade de especies sementadas para frear a forza do vento. Seguindo este mesmo camiño atópase a área recreativa O Murito. Esta zona conta con bancadas, unha mesa e un pequeno embarcadoiro.

A partir deste punto aumentan os exemplares de eucalipto, aínda que segue habendo loureiros, carballos, espiños, acacias negras e algún castiñeiro. O camiño continúa percorrendo a beira da Ría. Ao chegar a unha pequena curva sitúanse dúas escaleiras de madeira que conducen a senllas caliñas. Na outra beira sitúase o pobo de Sismundi e no alto, onde hai varios repetidores o miradoiro da Miranda. Dende el, se o día está despexado, poden verse unhas incribles panorámicas de toda a Ría ata Estaca de Bares.

Seguindo o camiño atópase un observatorio ornitolóxico dende o que se aprecia unha zona con multitude de aves. Trátase dunha chaira de lama e area apenas somerxida, que se prolonga ata unirse coa barra areosa da praia de Cabalar e protexe a Ría da forte ondada durante os temporais.

Accedemos á praia pola parte traseira das liñas de dunas, camiñando sobre unha pasarela de madeira. Tras pasar unhas casas, a man dereita, existe unha zona diferenciada con máis vexetación: é a lagoa de San Martiño, que vén de ser recuperada. Pasando por este tramo en silencio é posible escoitar algunha das múltiples aves que aquí se gorecen.

Continuando a pasarela que atravesa as dunas teremos ocasión de observar especies tan típicas como a cebola das gaivotas, o rabo de lebre ou o feo da praia. Existen neste espazo fermosas flores como o son as correolas ou a herba leiteira. Nestas formacións areosas tamén é posible observar exemplares de paxariño amarelo, unha especie propia e exclusiva do noroeste peninsular.

Piñeiral de Morouzos

Piñeiral de Morouzos

As dunas continúan nun frondoso piñeiral que as estabiliza impedindo que se movan ou destrúan. Nel existe unha enorme área recreativa que dispón de fontes, lareiras, mesas, duchas e baños públicos. Nos seus arredores abundan a esparragueira e algunhas especies de orquídeas, como a Ophrys apifera ou O. Sphegodes.
Unha vez neste punto teremos percorrido arredor de 3,5 quilómetros. Dende aquí poderemos optar por:

  • Dar un paseo pola praia de Morouzos, duns 3 km. de lonxitude. Esta débelle o nome á peculiar cor escura da súa area e queda enmarcada polas barreiras areosas de Cabalar e Ladrido. Morouzos está ademais protexida pola illa de San Vicente, á que se pode acceder a pé con marea baixa.
  • Volver ao punto de partida por onde viñemos, percorrendo de novo o bordo da Ría.
  • Coller a estrada que sae do piñeiral e leva de novo ao centro da Vila. Esta rota ascende entre eucaliptos, loureiros e piñeiros. No momento no que comeza a descender ofrece unha fermosa vista da illa de San Vicente, a praia de Morouzos e o pobo e a ría de Ladrido, coas súas amplas extensións de xunqueiras. Ao chegar á Vila hai que tomar a estrada a man dereita -antes de cruzar a vía do tren- que leva ata un edificio de estilo indiano, antigo escolar que acolle na actualidade a biblioteca e o arquivo municipais. Collendo a rúa Francisco Santiago e pasando o Museo Ortegalia chegamos ao Cantón, dende onde baixaremos novamente ata a Alameda, punto de partida. Este traxecto é de 2 quilómetros, aproximadamente.

Rota circular

Distancia

5,5 quilómetros

Tempo

2 horas a ritmo regular, sen contar paradas para descanso ou observación de aves.

Dificultade

Baixa.

Interese

Paisaxístico, ornitolóxico, flora dunar.

Recomendacións

É aconsellable levar prismáticos. Con marea baixa as aves achéganse á Ría para alimentarse, polo que resulta máis doado observalas e identificalas. En otoño e primavera prodúcense os pasos migratorios, concentrándose na zona unha gran diversidade de exemplares. É tamén nesta época cando florecen a maioría das plantas das dunas.

Precaucións

O ruído molesta e asusta as aves, e impedirá observalas con detemento. As dunas son un ecosistema moi vulnerable. Da súa vexetación dependen multitude de organismos, polo que resulta fundamental non abandoar as pasarelas de madeira.

Alternativa

Pode percorrerse en coche ou bicicleta pola estrada que bordea o Coto de Arnela. Esta leva ata o piñeiral de Morouzos e de novo cara ao punto de partida atravesando a parroquia de Luama.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA