Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Ribeiras do río Mera

Refuxio do Mera. Opción longa, 13 km. ida e volta

Viaduto de Santiago de Mera

Viaduto de Santiago de Mera

Partimos do aparcadoiro do refuxio seguindo a marxe dereita do río, ben pola estrada asfaltada ou ben polos vieiros entre prados. De calquera xeito camiñaremos seguindo o río e atravesando o fermoso val, que posúe un microclima especialmente beneficioso para as árbores froiteiras.

Aproximadamente a un km. atópase un alto viaduto con numerosos arcos, polo que discorre a vía do tren. Proseguiremos pola marxe dereita do río ata chegar ao lugar de Ponte Noval.

Ponte Noval. Opción curta, 7 km. ida e volta

Río Mera, ao seu paso por Ponte Noval

Río Mera, ao seu paso por Ponte Noval.

Na ponte do pobo hai que tomar o camiño que vai pola marxe dereita do río. Se seguimos sempre polos vieiros máis próximos ao seu cauce poderemos observar o clásico bosque de ribeira con bidueiros, ameneiros, abeleiras, freixos, pradairos, salgueiros e espiños. Segundo nos alonxamos do río predominan os eucaliptos. Son especialmente abundantes os felgos, que medran incluso por todo o cauce do río cando este leva pouca auga.

No que respecta á fauna é posible observar algún merlo acuático, miñatos, garzas ou réptiles como a endémica saramaganta galega.

A rota finaliza nunha pequena área recreativa na que é posible parar a descansar despois de percorrer arredor de 3,5 km. de río por vieiros de pescadores. Dende aquí cómpre retornar polo camiño de ida.

Continuación da opción longa

Dende Ponte Noval é posible tomar a mesma estrada da ida ou ben cruzar a ponte do pobo e continuar pola marxe esquerda do río ata o viaduto. Dende aquí cómpre pasar novamente á marxe dereita para retornar ao refuxio do río Mera.

Rota liñal

Distancia

Dúas posibles, 7 ou 13 km.

Tempo

Arredor de 6 horas a opción de 13 km.

Dificultade

Media

Interese

Permite observar a fertilidade do val do río Mera, traducida en pastos naturais e multitude de árbores froiteiras. Trátase dun fermoso paseo a carón do río, que aínda conserva a vexetación de ribeira característica.

Precaucións

O ruído impedirá a observación de calquera tipo de fauna. É importante levar calzado axeitado, xa que a humidade pode provocar esvaróns.

Como chegar

Dende Ortigueira tomamos e estrada xeral AC-862 en dirección Ferrol ata Ponte Mera. No cruce hai que torcer á esquerda, cara Mera de Enriba. Seguir ata o Refuxio da illa do río Mera, unha orixinal área recreativa na que se combina o engado natural do emprazamento cunha atinada variedade de árbores autóctonas e de xardinería.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA