Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Castelo do Casón

A rota comeza no punto no que deixamos o coche, collendo o camiño cara á esquerda que atravesa un enorme eucaliptal. No primeiro cruce cómpre coller o vieiro da dereita. Tras un enorme castiñeiro sitúase un pequeno montículo ao que se pode subir pola súa dereita ou esquerda. Ascenderemos ata chegar a unha zona inzada de enormes pedras procedentes do castelo. Un panel interpretativo explica cal era a estructura orixinal da fortaleza. O máis salientable deste punto son as magníficas vistas que ofrece sobre a ría de Ortigueira e os montes da Capelada.

Vistas dende o castelo do Casón

Vistas dende o castelo do Casón

O castelo era unha antiga torre de vixilancia da Alta Idade Media, dende a que se controlaba toda a Ría dende Estaca de Bares ata Sismundi. De estrutura circular, tiña tres murallas e un foxo como defensas, ás que se unían o forte desnivel que hai ata o río Casón.

Neste río, aos pés do castelo, sitúase unha pequena fervenza chamada o pozo do inferno. Foi o historiador Ramón Bascoy quen lle deu nome ao ver esculpido na rocha un cancerbeiro gardando o acceso ao inferno. A fervenza é de moi difícil acceso, debido á forte pendente e ao frondoso eucaliptal. Se con todo algún aventureiro quere chegar a tan inhóspito lugar, ten que descender dende o Casón polo lado de maior inclinación, esquivando toxos e desniveis ata chegar ao profundo cauce polo que discorre o río.

Os menos ousados poderán gozar doutro salto de auga situado nun contorno máis acolledor. Para elo cómpre ascender uns 800 metros pola estrada que leva a San Andrés de Teixido.

Visita puntual

Dificultade

Media

Interese

Arqueolóxico e paisaxístico.

Precaucións

Resulta doado esvarar nas follas de eucalipto que se acumulan no chan.

Como chegar

Dende Ortigueira hai que tomar a estrada AC-862 en dirección a Ferrol. En Mera collemos o desvío cara Cariño. A primeira parroquia que atoparemos é San Adrián de Veiga, a única da costa oriental da Ría que pertence ao concello de Ortigueira. Nesta zona hai un sinal ao castelo que indica cara á esquerda no primeiro cruce, en dirección a San Andrés de Teixido. Ascenderemos por unha estrada estreita rodeada de eucaliptos. A uns 3 km. hai outro indicador á esquerda. Neste punto hai que deixar o coche.

Pode interesarche

Idade Media: As invasións bárbaras.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA