Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Camiño da costa

Etapa 1 - De Ladrido a Espasante: 5,5 km.

O núcleo de Ladrido dálle nome á enseada formada polo río Baleo, de menor tamaño e máis profunda que a de Ortigueira. Baixando ata o embarcadoiro do pobo é posible observar as xunqueiras de Luama, a parte traseira das dunas de Morouzos e as zonas areosas emerxidas. Estas últimas son importantes para o alimento e refuxio das aves, que aproveitan a situación da enseada -protexida dos ventos- para reunirse a descansar. Deste xeito resulta doado avistar na zona gaivotas cincentas, choronas e patiamarelas, gavitas e mazaricos curlís.

Vistas dende o porto de Ladrido

Vistas dende o porto de Ladrido

A carón do embarcadoiro hai unha pequena praia rochosa perfecta para observar a distribución das distintas especies que habitan na zona. Nas rochas atoparemos lique, minchas e lapas, así como mexilóns, ostra plana e xaponesa. Baixo a area viven ameixas finas, babosas, berberechos e longueiróns.

Subindo de novo cara ao pobo tomamos a segunda estrada a man esquerda, que conduce a unha pequena área recreativa e un campo de fútbol. Se collemos a estrada que rodea o campo de fútbol bordearemos todo o Monte da Croa, que ofrece unhas incribles vistas da praia de Morouzos. É posible observar dende este punto a súa parte traseira, abrupta e rochosa, a illa de San Vicente, a praia de Fornos, o pobo de Cariño e cabo Ortegal cos seus tres aguillóns.

Máis adiante, tomando unha pista sen asfaltar que nos achega ao mar, obteremos unha magnífica panorámica do pobo de Espasante, a praia da Concha, o porto e a punta dos Prados, onde se atopa o Monumento con Forno e a Casa da vela.

De novo no campo de fútbol a rota continúa cara á dereita para chegar ao paseo da praia da Concha, en Espasante.

Etapa 2 - Espasante: 2,7 km.

O paseo continúa cruzando unha pequena ponte sobre o río Dola. Ao chegar ao parque infantil tomamos a pasarela á esquerda, que vai máis próxima á praia. Este itinerario permite gozar dun paseo polo areal observando as recentes dunas en formación coa súa vexetación característica. Atoparemos o feo de praia, protexendo dende a primeira liña de praia ao resto das especies, como a herba leiteira ou o cardo da ribeira. Na parte alta da praia abunda a cebola das gaivotas e a cenoria silvestre. Asociados a estas plantas aparecen os caracois típicos das zonas dunares.

Sta Cristina

Caliña de Santa Cristina.

Na parte baixa da praia poden observarse multitude de aves, principalmente gaivotas patiamarelas e cincentas, xunto con píllaras reais e pilros curlibicos.

Chegamos ao dique. Pola parte traseira da lonxa atópase a caliña de Santa Cristina. Dende ela parten unhas escaleiras rodeadas de figueiras silvestres, que levan ata o castro.

Trátase dunha construción moi interesante e pouco habitual en Galicia. A planta semicircular do Monumento con Forno diferénciaa do resto de edificacións deste tipo, tanto das de Portugal -rectangulares- como das galegas -cadrangulares-.

O conxunto consta de adro, antecámara, forno e zona de alimentación. O adro constitúe a entrada, de pranta trapezoidal e chan con lousa, como se se aproveitara o chan dunha vivenda do castro. A cámara ten forma rectangular e catro muros. Ao fondo situaríanse a piscina, o desaugue, o forno e o almacén.

Excavacións en Punta dos Prados

Excavacións en Punta dos Prados.

Enriba da porta atopouse un oco no que se supón estaría colocada a pedra formosa. O monolito de pedra labrada, típico desta clase de construcións, non se atopou na excavación. Sobre a súa función existen bastantes dúbidas, aínda que os investigadores tenden a soster que se empregaba para tomar baños de vapor de carácter ritual.

Dende o castro ascendemos, próximos ao cantil, ata a Casa da Vela, unha garita de vixilancia marítima de finais do século XVIII. Este punto permite gozar dunhas magníficas vistas da boca da Ría, especialmente no solpor.

De volta, pola estrada, podemos apreciar a peculiar estrutura do pobo. Está formado por un conxunto de rúas irregulares e estreitas con casas de corredor balaustrado, tipicamente mariñeiras. O porto de Espasante goza dunha situación privilexiada, flanqueado por dúas amplas praias de area branca e fina.

Etapa 3 - Espasante - Mazorgán: 4,5 km

Ao leste do pobo de Espasante atopamos tres praias: San Antón, Eirón e Mazorgán, separadas por saíntes rochocos. Cómpre atravesalas salvando as rochas polos vieiros situados na ladeira.

Dende o último destes areais dirixímonos cara ao pobo de Mazorgán. Existen dúas opcións:

  • Tomar o camiño que ascende cara a unhas casas, prosegue atravesando un piñeiral próximo ao cantil e descende ata unha valgada con prados.
  • Seguir a estrada asfaltada ata o primeiro cruce, onde hai que coller á esquerda cara ao pobo de Mazorgán.

En ambos os dous casos, se nos aproximamos á costa veremos dúas praias: a Ribeira dos Ourizos, pequena e rochosa, e a Ribeira Grande ou Sarridal, ampla e de areas claras. Os accesos precarios manteñen estes areais virxes e a salvo da masificación estival.**

Pena Furada

Pena Furada, na costa de Loiba.

Dende o núcleo de Mazorgán, elixindo no cruce o camiño que nos adentra nun enorme eucaliptal, chegaremos á outra punta da Ribeira Grande. Aquí, a erosión provocada polo vento e o mar deu lugar á pedra furada, unha enorme rocha con forma de dobre arco.

Seguimos o camiño que discorre paralelo á costa deixando atrás o pobo do Rubido, ata chegar a un cruce de camiños. O que descende levaranos ata a Ribeira do Carro.

**Existe a opción de pasar de praia en praia dende a Ribeira Grande ata O Coitelo. Esta opción é de dificultade alta. Os camiños de acceso que zigzaguean polos cantís son estreitos, esvaradíos e en moitas ocasións están cubertos de vexetación. Ademais cómpre ter en conta as mareas para atravesar as rochas que separan as praias.

Etapa 4 - Rota das algas: 4,5 km.

A Ribeira do Carro recibe o nome do seu camiño de acceso, polo que se baixaba en carro para ir a buscar algas, especialmente abundantes nesta praia. É posible atopar especies de algas vermellas, como Chondrus crispus -raspa-, Gelidium sesquipedale -carrumeiro-, Gigartina teedii, Heterosiphonia plumosa, Lithophyllum incrustans, L. Lichenoides...

Baixada a Ribeira do Carro

Baixada a Ribeira do Carro.


Dentro das pardas están as especies Laminaria hyperborea, L. ochroleuca, Padina pavonica, -planchín-, Bifurcaria bifurcata, Cystoseira baccata e C. tamariscifolia. Por último, no grupo das algas verdes atopamos exemplos como o Codium tomentosum -carrasca brava- e Enteromorpha sp.
A carón da Ribeira do Carro atópanse tamén Os Castros, Gaivoteira e Coitelo. Máis dun km. de praias separadas por outeiros rochosos e flanqueadas por impresionantes cantís de filitas e esquistos. Neles, o vento e o mar deron lugar a rochas de formas caprichosas.

Ascendemos de novo e seguimos o camiño que vai paralelo á costa. Pasaremos por detrás do pobo de Mourama para chegar á praia do Picón, punto final da nosa rota.

Rota liñal

Distancia

17 quilómetros, só ida.

Dificultade

Media. Alta se optamos por baixar ás praias e pasar dunha a outra polas rochas.

Interese

Intermareal, paisaxístico, flora de dunas, arqueolóxico e histórico. Parte desta rota discorre polo antigo Camiño Real Ortigueira - Viveiro.

Precaucións

Cómpre ter en conta as mareas se queremos cruzar de praia en praia polas rochas.

Como chegar

A 5 km. de Ortigueira, seguindo a AC-862 en dirección a Viveiro, atopamos o pequeno pobo de Ladrido, dende onde comeza a primeira etapa desta rota.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA