Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

O Camiño dos Arrieiros

O traxecto a pé desta rota comeza no Cruce de San Pedro. Tomaremos o vial da esquerda, para atopar tamén a man esquerda o primeiro dos túmulos. A simple vista é posible recoñecelos como pequenas elevacións ou montículos no terreo. Ao achegarnos presentan unha grande concavidade central, debida ás espoliacións ás que foron sometidos na súa práctica totalidade.

Seguindo a pista, a uns 200 metros do cruce, atopamos os túmulos 4 e 5 da necrópole de Forno dos Mouros. Estes foron excavados e restaurados, recuperando a súa forma e volume orixinais -o número 5 fora destruído coa construción da estrada- e deixando á vista á coiraza de pedras que adoita recobrir este tipo de estruturas.

Camara megalitica

Cámara megalítica do 4400 a.C.


O túmulo máis próximo á pista presenta a peculiaridade de ter dúas ocupacións. Isto quere dicir que se empregou para dous enterramentos coas súas correspondentes cámaras, de xeito que a primeira apenas quedaba á vista. Este feito gardouna de ser saqueada. Trátase da cámara megalítica máis antiga de Galicia. Data do 4400 a.C. e na actualidade atópase exposta no Centro Arqueolóxico de Ortigueira.

Para seguir o camiño orixinal cómpre ter en conta algúns puntos básicos:

  • Discorre por una liña próxima ao cumio, pero sempre pola súa aba oeste, procurando as pendentes máis suaves.
  • Os pequenos outeiros pásanse pola súa zona máis elevada, que está mellor drenada e permite unha maior visibilidade.
  • Vai sempre próximo ás necrópoles localizadas.
  • Aínda que parte do camiño foi destruído pola erosión e a construción de pistas do Parque Eólico, pode distinguirse a caixa nun 20% do traxecto, aproximadamente. En caso de dúbida debemos seguir sempre a opción de menos pendente e menor vexetación, é dicir, a máis empregada polos animais.

Seguindo estas indicacións chegaremos ao Cristo da Pena Branca, un cruceiro que foi espoliado. Os seus restos permanecen ao pé do alto do mesmo nome, onde existe outra necrópole. Esta consta de sete túmulos e ofrece unhas magníficas vistas sobre o val do río Sor.

Teremos percorrido uns 6 km. polos cumios de Coriscada. Debido ao clima frío, húmido e aos fortes ventos esta zona presenta unha vexetación escasa, formada principalmente por matogueira baixa autóctona. Atopamos toxo e varias especies de breixo. Ademais hai algunhas variedades típicas de turbeira, como a parnasia, Gentiana pneumonanthe, Erica tetralix e a protexida Erica tetralix, onde existe un maior enchoupamento.

Nas zonas máis protexidas do vento existen piñeiros e eucaliptos. Nos piñeirais medran abondosos cogomelos, moitos deles comestibles, como os boletos ou as pimpinelas.

Dende o punto de vista faunístico poderemos observar principalmente cabalos que viven na serra en réxime de semiliberdade. Tamén hai xabaríns, corzos, raposos, esquíos e aves como o miñato, o falcón peregrino, o lagarteiro, a papuxa montesa, o paporroibo ou o merlo, entre outros.

Rota liñal

Distancia

6 km., só ida.

Tempo

3 horas

Dificultade

Media

Interese

Arqueolóxico e paisaxístico fundamentalmente. Tamén ten importancia ornitolóxica.

Recomendacións

Ademais das recomendacións habituais -calzado axeitado, auga...- é aconsellable unha visita previa ao Centro Arqueolóxico de Ortigueira. Nel atoparemos ampla información sobre este camiño e a arqueoloxía da comarca.

Precaucións

A néboa é moi frecuente na zona.

Que é?

O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 40 km. por unha vía de tránsito natural, que une As Pontes co porto de Bares atravesando as serras de Faladoira e Coriscada. Este camiño foi empregado dende a prehistoria como vía de intercambio comercial. Presenta tamén unha rede de vías transversais que descenden aos pobos dos arredores. Entre elas poderíamos citar o Camiño da Costa, que configura parte do trazado do Camiño Real Ortigueira - Viveiro. A rota aquí proposta non abrangue os seus 40 km., senón aproximadamente 6, nos que se atopan catro necrópolis tumulares, ademais de miradoiros naturais con incribles vistas da ría de Ortigueira e os seus arredores.

Como chegar

Dende Ortigueira seguimos a AC-862 dirección Viveiro. Tras cruzar a ponte sobre o río Baleo -antes de chegar a Ladrido- collemos a estrada da dereita, seguindo as indicacións que levan ao Parque Eólico da Coriscada. Chegaremos así ata o Cruce de San Pedro, un cruce de camiños onde a estrada comeza a descender.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA